Reclama transparencia sobre Povisa, facer público o contrato millonario que ten co Sergas e unha auditoría externa no centro hospitalario vigués
Pregunta a Rueda se pode garantir que o negocio do grupo Ribera non está por riba da saúde das 114.000 persoas que teñen este hospital de referencia
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou en Vigo que o BNG vai trasladar un paquete de propostas ao Parlamento para garantir a atención na sanidade pública nesta área sanitaria á que pertencen 600.000 persoas, máis tendo en conta que 114.000 delas teñen como hospital de referencia Povisa, centro hospitalario integrado no grupo Ribera Salud, do que se veñen coñecendo informacións nas que se evidencian que antepón a súa conta de resultados por riba da atención ás e aos doentes.
Pontón referiuse aos audios do CEO do Grupo Ribera desvelados nas últimas semanas nos que pedía dar prioridade aos beneficios sobre a atención sanitaria no hospital privatizado de Torrejón de Ardoz. Unhas declaracións, alegou, que confirman o que o BNG leva alertando durante moito tempo: “Cando a sanidade se converte nun negocio, as empresas que as xestionan non ven pacientes, senón clientes”, advertiu.
“Despois destas manifestacións, a pregunta que lle temos que facer ao señor Rueda é se realmente pode garantir que a atención sanitaria de todas as persoas que están en Povisa non está condicionada por esas mesmas prácticas, se realmente o señor Rueda pode garantir que a vida das persoas, que a súa saúde, está por riba do negocio”, cuestionou nunha comparecencia ante este centro hospitalario xunto ao portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, a responsable parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, e integrantes da organización nacionalista en Vigo.
Neste contexto, a líder nacionalista detallou as propostas que o BNG vai trasladar ao Parlamento, a comezar por que se garanta ao “cen por cen” o dereito da cidadanía desta área sanitaria a recibir atención no ámbito público. Con este obxectivo, emprazou ao Goberno do PP a dar os pasos necesarios, entre os que estaría a compra do hospital de Povisa para incorporalo á rede pública e garantir deste xeito que todas as persoas da área sanitaria de Vigo reciban unha atención sanitaria “de calidade e nas mesmas condicións”.
En segundo lugar, Pontón reclamou “transparencia” sobre a actual xestión de Povisa, polo que o Bloque vai reclamar na Cámara galega que se faga público o contrato deste centro hospitalario co Sergas. “Non pode ser que haxa un contrato con Povisa que é un segredo de Estado ao que non se nos permite acceder nin coñecer as súas condicións”, recriminou, para reprobar a continuación o “oscurantismo” sobre un convenio que se sitúa nos 100 millóns de euros. “Se alguén o ocultou é porque ten algo que esconder”, advertiu.
A portavoz nacional avanzou en terceiro e último lugar que o BNG tamén vai solicitar unha auditoría externa sobre Povisa, cun dobre obxectivo: por unha banda, clarificar se as prácticas que se denunciaron en Torrejón -entre as que se inclúen o incremento artificial das listas de espera ou declinar a atención de pacientes porque non eran rentables- tamén se están producindo no hospital vigués e, por outra, aclarar cal é a calidade asistencial deste centro hospitalario.
Para este último fin, Pontón avogou por que se fagan públicos os rateos entre pacientes e profesionais, así como os gastos a maiores que está asumindo a Xunta, como por exemplo os de farmacia, listas de espera ou próteses, e o que estes representan para o erario público.
“Trátase, en definitiva, de defender o dereito á saúde das persoas por riba do negocio e de que haxa transparencia nunha cuestión tan importante como é a xestión deste hospital”, sintetizou, para lembrar que o concerto con Povisa “é o máis caro de todo o Estado” e se produce ademais nunha área sanitaria que xa sufriu outro tipo de “experimentos privatizadores” como a construción do Álvaro Cunqueiro, pola se pagou un sobrecusto de 470 millóns de euros “por un hospital máis pequeno, con menos servizos e menos camas do que estaba previsto”.
Fronte a todos estes anos de “políticas neoliberais e de privatización” aplicadas polo Goberno do PP que antepoñen o negocio por riba do dereito á saúde, a portavoz do BNG apelou ao “sentido común” de defender a sanidade pública como a única garantía dunha atención de calidade cando é necesaria. “A única que nos garante que se trate as persoas como pacientes e non como clientes e a única que nos garante que imos ser iguais ante a enfermidade”, concluíu.
