Vigo, Galicia
General Portada

O BNG de Vigo propón a suspensión de toda a obra pública do Concello

O Bloque Nacionalista Galego continúa a trasladar, de maneira case diaria, propostas para o seu estudo e avaliación por parte do Comité de Seguimento do Covid-19 no Concello de Vigo. Dentro destas, a fronte nacionalista propuxo hoxe ao Goberno municipal a suspensión, até o levantamento do estado de alarma, de todas as obras públicas do Concello agás aquelas que estean motivadas pola urxencia ou teñan a ver co mantemento da rede viaria. 

“Non ten sentido manter as obras na cidade como se non pasase nada”, explicou o concelleiro do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas. Igrexas subliñou a importancia de facer efectivo o confinamento decretado polo estado de alarma polo que defende reducir ou suspender toda a actividade que non sexa indispensábel. O edil nacionalista quixo recoñecer o comportamento exemplar da cidadanía e volveu apelar ao cumprimento estrito das recomendacións e medidas aprobadas por parte das diferentes administracións. 

Vitrasa 

Aliás, Igrexas tamén urxiu o Goberno municipal a adoptar as medidas necesarias para atender as demandas do Comité de Empresa de Vitrasa para garantir as máximas garantías preventivas no servizo de autobús urbano. Medidas como a eliminación do pago en efectivo para non manipular moeda e manter a distancia de seguridade, indicar que a subida e baixada de viaxeiros/as se realice pola porta traseira, impedir o acceso á plataforma dianteira e á zona de condución (delimitando o paso mediante cintas) e establecer un límite de aforo que garanta a distancia de seguridade. 

Desde a fronte nacionalista seguen en estreita colaboración co Goberno municipal as diferentes medidas adoptadas e continuarán a trasladar propostas e ideas, en clave construtiva, para reforzar a resposta da cidade fronte a crise sanitaria do coronavirus. 

Deja una respuesta