- A fronte nacionalista pide que o concelleiro de Educación, Gorka Gómez, explique publicamente se vai abrir matrícula no centro para o vindeiro curso e con cantas prazas.
- Insisten en demandar un compromiso claro do Goberno municipal para garantir que o Casco Vello e o centro da cidade non van perder a única escola infantil pública de 0 a 3 anos.
- Xabier P. Igrexas: “Unha vez xa quedou acreditado que non hai motivo real para trasladala, nin moito menos fechala, hai que poñer fin a este culebrón e garantir que a escola infantil Santa Marta vai estar plenamente operativa no vindeiro curso”
O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno municipal de Vigo que aclare cal vai ser o futuro da escola infantil municipal Santa Marta, do Casco Vello. A fronte nacionalista esixe que no proceso de matrícula para o vindeiro curso, que se vai abrir o próximo día 22 de marzo, se oferten a totalidade das prazas dese centro e que se manteña na súa actual ubicación.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, pediu que a concellaría de Educación, que dirixe o socialista Gorka Gómez, explique publicamente que vai acontecer coa escola. “Queremos que o Goberno municipal diga de maneira clara se vai abrir matrícula en todos os grupos de idade, como reclama a comunidade educativa, na única escola infantil pública do centro da cidade, ou non”, expresou.
Igrexas demanda “transparencia” para disipar as incertezas creadas pola “xestión nefasta” do executivo de Abel Caballero. “Cando quedou demostrado que non hai motivo real que xustifique o traslado, nin moito menos o feche da escola, dado que no Barrio do Cura non hai nin obras nin, polo momento, licenza para inicialas, e toda vez o Goberno non logrou unha alternativa adecuada e viábel para iniciar o curso en plenas condicións, desde o BNG consideramos que hai poñer fin a este culebrón e garantir que a escola infantil Santa Marta vai estar plenamente operativa no vindeiro curso”, reclama.
Sobre o futuro da escola, o portavoz municipal nacionalista reitera a demanda dun compromiso claro por parte do Concello de que o Casco Vello e o centro da cidade non van perder a única escola infantil pública de 0 a 3 anos.