Vigo, Galicia
General Portada

O BNG pedirá a comparecencia da Ministra de Transición Ecolóxica sobre os proxectos de recheos e a DEUP do Porto de Vigo

  • O Goberno do Estado, en resposta a dúas iniciativas do BNG, xustifica de maneira indignante os aterramentos promovidos pola Autoridade Portuaria de  Vigo chegando a afirmar que se trata de “actuacións estritamente necesarias”.
  • O deputado do BNG no Congreso,  Néstor Rego, critica que o executivo PSOE e Unidas Podemos non se teña manifestado de maneira clara en contra de novos recheos que supoñen unha agresión ambiental inxustificábel.
  • Xabier P. Igrexas: “As viguesas e os vigueses hai moitos anos que sabemos que o tempo dos recheos rematou. O futuro de Vigo e do seu porto pasa por apostar por aproveitamentos sustentábeis”

O Bloque Nacionalista Galego solicitará a comparecencia da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa  Ribera, co obxecto de demandar explicacións sobre a postura oficial do Goberno español en relación aos proxectos de novos recheos portuarios en Vigo e sobre a tramitación da Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) elaborada pola Autoridade Portuaria de Vigo.

Así llo anunciou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, ao portavoz municipal da fronte nacionalista no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, no encontro telemático que mantiveron para analizar as respostas dadas polo executivo central a dúas iniciativas do Bloque en relación a estes asuntos.

Rego criticou que o  Goberno de PSOE e Unidas Podemos non se pronuncie de maneira clara en contra dos proxectos de novos recheos portuarios na Ría de Vigo. “Ás preguntas do BNG sobre se o Goberno ía paralizar os proxectos de aterramento en execución no Berbés e en proxecto en Bouzas, a resposta do Ministerio non só non rexeita estas novas agresións á Ría, senón que mesmo as lexitima alegando literalmente que a Autoridade Portuaria ‘propón as actuacións estritamente necesarias para que o porto siga sendo competitivo’”, denunciou.

O executivo español tamén elude pronunciarse claramente a respeito de se anulará a tramitación ambiental simplificada da  DEUP, tal e como reclaman numerosas alegacións de colectivos ambientais, veciñais e o propio BNG.

Unha reacción “indignante e inaceptábel” para as nacionalistas que deixa en evidencia a falla dun compromiso claro por parte do Goberno do Estado na protección ambiental da Ría de Vigo, polo que demandarán explicacións á ministra Ribera.

Dobre discurso

Pola súa parte, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, cargou con dureza contra o “dobre discurso” de PSOE  e Unidas Podemos en relación aos recheos. “Hai poucas semanas vimos como o PSOE de Vigo e o espazo municipal que se referencia en Unidas Podemos dicían opoñerse frontalmente a novos recheos. Escoitamos a Abel Caballero expresar publicamente o seu categórico rexeitamento a novos aterramentos sobre a ría e mesmo presentar alternativas. Pero agora vemos nunha resposta oficial do seu Goberno no Estado unha postura totalmente diferente”, reprochou.

Para Igrexas a complicidade do executivo de Madrid cos plans da Autoridade Portuaria para “seguir cementando milleiros de metros cadrados máis da nosa Ría” é intolerábel e vai chocar coa “oposición masiva da cidade”. “As viguesas e os vigueses hai moitos anos que sabemos que o tempo dos recheos rematou. O futuro de Vigo e do seu porto pasa por apostar por aproveitamentos sustentábeis, non por vellas receitas que enguliron xa case 3 millóns de metros cadrados de mar”, explicou.

Desde  o Bloque Nacionalista Galego insisten en que o desenvolvemento das potencialidades portuarias de Vigo ten que pasar pola reordenación e racionalización dos usos da superficie portuaria e tamén por unha aposta estratéxica pola Plisan.

Xabier P Igrexas e Nestor Rego

Deja una respuesta

Hide picture