A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o CEIP Plurilingüe Ría de Vigo, un dos 107 centros escolares de Galicia que recibiron estes días un carriño de cultivo no marco do programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas.
Segundo indicou a delegada, na área territorial de Vigo foron 20 os colexios beneficiados con estes equipos de plantación: 9 en Vigo (CEIP Ría de Vigo, Illas Cíes, San Salvador, Coutada, Emilia Pardo Bazán, Párroco Don Camilo e Escultor Acuña e os CPR Alba e Monterrey); 3 en Baiona (CEIP Fontes Baíña e Belesar e o CPI Cova Terreña); 2 en Gondomar (o CRA Antía Cal e o CEIP Serra de Vincios); 2 en Mos (CEIP Pena de Francia e o CPR Lar); e o CEIP A Rúa en Cangas, o CPR Ángel de la Guardia en Nigrán, o CEIP Outeiro das Penas en Redondela e o CEP Carlos Casares en Salvaterra.
Tal e como informou, os cativos aprenderán a plantar as súas propias froitas e verduras, que logo poderán consumir a maiores das que reciben mediante este programa. En concreto, no carriño que se lles entrega vai un regador, pa, anciño, substrato e sementes de froitas e verduras.
Esta iniciativa complementa o programa galego de consumo de leite e froita nas escolas, ao que a Xunta leva destinado case 6 millóns de euros nos últimos catro anos, cunha media por curso de 121.213 nenos e 471 centros beneficiarios das reparticións de froita, e de 39.615 alumnos e 218 escolas no caso do leite. No presente curso 2021/2022, Galicia ten un orzamento de 537.889,78 euros para o leite e de 703.518,17 euros para a froita (1.241.407,95 euros en total).
Canto ao volume de produto, á espera de que se concrete o correspondente ao presente curso, dende o 2017/2018 distribuíronse nos colexios galegos máis de 469 toneladas de froitas (as máis consumidas son o plátano, a mazá e a mandarina) e case 906.000 litros de leite.