Vigo, Galicia
General Portada

Pontón afirma que antes da crise era urxente un cambio en clave de país e agora é máis necesarios que nunca construír Galiza deixando atrás as vellas e fracasadas políticas do PP

Ante a convocatoria das eleccións o 12X,  aportavoz nacional do BNG Ana Pontón, afirma que “nada vai evitar abrir un tempo novo en Glaiza que nos permita devolverlle a esperanza a todos os galegos e galegas”.

“Antes desta crise era urxente un cambio en clave de país, agora é máis necesario que nunca porque  temos que reconstruír Galiza e non pode facerse da man de vellas e fracasadas políticas que recortaron a sanidade, fixeron negocio coa atención das  persoas maiores, precarizaron o emprego, provocaron  a fuga de cerebros e non foron capaces  de poñer a producir o enorme potencial que temos en Galiza”.

Dende o BNG, dixo, ofrecemos  novas ideas para enfrontar unha situación nova, e o 12X podemos deixar atrás un “goberno absolutista e negativo para Galiza”. Un goberno, que coa súa política de recortes e privatizacións deixou a Galiza máis indefensa ante a pandemia, con  210.000 autónomos nunha profunda crise económica,  225.000 traballadores en ERTEs  e  ás persoas usuarias das residencias desprotexidas ante a COVID-19. Un goberno, que nun momento de incerteza e dor prefire “agocharse detrás do mando único e da pantalla da TVG”.

A nacionalista explicou que a situación excepcional que estamos vivindo conleva unha  campaña electoral diferente  e anunciou que o BNG  primará o debate de  propostas para devolverlle aos galegos e galegas a esperanza.

Sabemos que a reconstrución económica  ten que ser a prioridade, e a nosa aposta é “un gran acordo para levantar Galiza”. Hai que poñer en marcha un país novo no que ninguén quede atrás, priorizando o  emprego, a sanidade pública, a aposta estratéxica pola ciencia e investigación e unha Galiza máis forte, con máis autogoberno, para ter máis ferramentas e capacidade á hora de construír benestar e igualdade.

Exixe pluralidade nos medios públicos e rematar cos “mitins encubertos de Feixóo na TVG”

A portavoz do BNG criticou a sobreexposición de Feixóo na TVG durante estes meses e exixiu pluralidade ao medios públicos porque a campaña electoral do 12X,explicou, non será igual a ningunha outra. Neste sentido, reclamou poñer fin “ao uso partidista do candidato do PP na TVG”, un uso que cualificou de “obsceno e antidemocrático”  dende a declaración do estado de alarma. Pontón  lembrou que Feixóo acaparou   desde o 14 de marzo, “1.634 minutos de emisión en directo na TVG. O BNG non conseguiría esa cota de pantalla nin saíndo todos os días durante os catro anos de lexislatura”.

Na súa comparecencia, a líder do BNG insistiu que esta campaña debe ser a campaña  “dos debates” cunha TVG imparcial  que ofreza unha  cobertura informativa  máis ampla e para iso propuxo  a celebración na canle pública dun “debate a doble volta” cos candidatos e candidatas á presidencia da Xunta das forzas políticas máis representativas, ampliar os espazos de información electoral  nos medios públicos, recuperar  os debates de cabezas de lista provincias e ampliar as entrevistas na Radio Galega  e TVG con dúas entrevista a cada forza política.

O BNG propón un único  mailing  

Na súa intervención, Pontón tamén se referiu a que é necesario que as papeletas cheguen a todos os domicilios para o que propuxo “un mailing único”, coa información electoral e as papeletas de todas as forzas políticas. Isto, dixo,  “permitiría un aforro moi importante de recursos públicos que se poderían destinar a medidas de seguridade na campaña e á xornada electoral”.

A Xunta, engadiu a portavoz nacionalista,   debe  facer un protocolo e poñer os medios que garantan unha xornada electoral segura para as persoas que estarán nas mesas e para as irán a votar.

O cinismo de Feixóo é a marca da casa

Ante as declaracións de Feixóo afirmando que hai que reducir a intensidade da campaña, Pontón reiterou que o candidato do PP leva en campaña dende o 14 de marzo utilizan do a TVG para facer “mitins encubertos” e afirmou que “o cinismo de Feixóo é a marca da casa” do PP.

En total, explicou,  o candidato do PP, o señor Feixóo, leva “31 mitins encubertos en horario de máxima audiencia da televisión pública”, convertida máis que nunca en “TeleFeijóo” con 1.634 minutos de pantalla. Se a situación non fose tan grave, diría que resulta cómico ver a quen leva dous meses de campañas, usando de xeito descarado os medios públicos, dicindo agora que reduce a intensidade.

Espero que Feijóo non queira unha campaña “amordazada” e  furtándolle aos galegos e as galegas o dereito ao debate, ao contraste e a pluralidade política, concluíu.

Deja una respuesta