— Ana Ortiz agarda que Abel Caballero abra na reunión do vindeiro martes unha “nova etapa de colaboración” co Goberno galego “en beneficio dos vigueses”
— Urbanización da ETEA, pista de atletismo de Balaídos, CGAC, Casco Vello, área e transporte metropolitano e Camiño da Costa, entre os temas a tratar
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, avanzou este venres alguns dos principais temas que o Goberno galego trasladará ao Concello de Vigo na reunión concertada para o vindeiro martes 26 de xuño (10:00 horas) na Delegación Territorial viguesa entre o presidente, Alfonso Rueda, e o alcalde, Abel Caballero.
Durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación, a representante autonómica celebrou que o rexedor vigués aceptase a invitación do máximo responsable da Xunta. “A colaboración entre administracións sempre vai en beneficio dos administrados e esperamos que este sexa un punto de partida. Espero que o alcalde veña co talante adecuado para chegar a acordos e abrir unha nova etapa de colaboración”, sinalou.
Ademais, amosou o a súa confianza en que o alcalde acudise “con boa vontade e con afán construtivo” para avanzar co presidente en melloras para a cidadanía. “Desde a Xunta consideramos que durante este encontro debería desbloquear por fin unha serie de proxectos vitais e de cidade, que aínda que non son os únicos, si polo menos cremos que algúns dos máis importantes”, apuntou.
- Desenvolvemento da ETEA
Desta forma, Ana Ortiz fixo especial mención á necesidade de avanzar no desenvolvemento do ámbito da ETEA, para o que é necesario que o Concello poña a disposición os terreos. “Queremos cumprir o convenio que asinou o propio alcalde en 2009 e que nos encomenda o labor para urbanizar a zona: temos o proxecto, temos o diñeiro, as partidas consignadas e a vontade clara do Goberno galego para investir 12 millóns de euros en Vigo”, destacou.
- Pistas de atletismo
A delegada territorial tamén referiuse ás pistas de atletismo de Balaídos, para as que a Xunta ten dispoñibles tres millóns de euros desde hai unha década. “Ante a falta de instalacións decidimos instalar un módulo para os atletas no Ifevi”, lembrou.
- Área e Plan de Transporte Metropolitano
A negativa do Concello a entrar no Plan de Transporte Metropolitano, o que provoca que non sexa efectiva a área Metropolitana, tal e como sentenciaron os tribunais, será outro dos asuntos tratados. “A incorporación ao Plan de Transporte só supón beneficios para os cidadáns: menor custo, mellora da mobilidade, redución do tráfico e da contaminación”, apuntou.
A sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a recuperación do Casco Vello, a mellora do saneamento, a sinalización do Camiño da Costa ao seu paso por Vigo, a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), os accesos ao Centro Vialia ou o soterramento da VG-20 en Navia tamén foron incluídos pola delegada entre os asuntos a tratar.