― A Xunta de Galicia investiu case 2 millóns de euros na dotación dun novo robot cirúrxico específico para cirurxía ortopédica
― O novo equipamento, que estará emprazado no hospital Meixoeiro, iniciará a súa actividade coa implantación de próteses de xeonllos
― A utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo aporta unha maior exactitude e precisión, ademais de menor tempo de recuperación e unha diminución das complicacións
― Os especialistas en traumatoloxía desenvolveron un curso de formación no que puideron realizar simulacións cun equipo robótico de características similares
― O Chuvi avanza así na súa capacidade de cirurxía robótica, que iniciou en 2021 coa instalación do robot Da Vinci e que xa leva realizadas 900 intervencións
O servizo de Traumatoloxía da Área Sanitaria de Vigo porá en marcha a cirurxía ortopédica robótica nos próximos días, antes de finalizar o mes de setembro. O robot, que estará emprazado no Hospital Meixoeiro, iniciará a sua andaina coas próteses de xeonllos, unha das intervencións máis frecuentes en traumatoloxía.
Neste equipamento a Xunta de Galicia investiu case 2 millóns de euros, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia, como parte da resposta da UE á pandemia da Covid.
Neste contexto, o servizo de Traumatoloxía desenvolveu un “Curso de Cirugía robótica de rodilla”. Segundo afirma o xefe de Sección de Traumatoloxía, Manuel Castro “aínda que no noso equipo xa contamos con cirurxiáns ortopédicos formados nestas tecnoloxías, decidimos facer extensiva esa formación ao outros profesionais interesados e ao alumnado de Enxeñaría Biomédica que cursa neste hospital. Trátase do primeiro curso de Galicia, cunha parte teórica e outra práctica, no que realizamos demostracións e simulacións deste tipo de intervencións cun robot de características similares”.
Maior exactitude e precisión
A artroplastia total de xeonllo é, hoxe en día, un dos procesos cirúrxicos de máis alta prevalenza en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, demostrando ser altamente efectivo á hora de mellorar a dor e a calidade de vida dos doentes con patoloxía dexenerativa ou inflamatoria desa articulación. De feito, os traumatólogos do Chuvi implantan anualmente 500 próteses de xeonllo .
A utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo demostrou ser a máis vantaxosa para o paciente, comparada coas técnicas convencionais, dado que aporta unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante. Ademais, supoñen un
menor sangrado durante a cirurxía; menos dor postoperatoria, tempo de recuperación e de estancia hospitalaria; así como unha diminución das complicacións.
“Un dos aspectos máis difíciles da cirurxía de substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e funcionen sen problemas. Polo tanto, o obxectivo principal dos dispositivos robóticos é de provernos aos cirurxiáns dunha ferramenta específica para executar, de forma exacta, os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación cirúrxica previa, conseguindo así restablecer a mecánica e función do xeonllo”, explica o doutor Castro.
Ademais, o robot conta cun brazo que asiste ao cirurxián na execución da intervención, proporcionándolle retroalimentación táctil, visual e auditiva.
Ferramenta de investigación
Outra das vantaxes deste equipamento robótico está relacionada coa Big Date xa que todos os datos de cada intervención -as medidas, os ángulos, a rotación, os cortes, etcétera- quedarán rexistrados, o que será de gran interese para a investigación e realización de estudos científicos que permitan seguir mellorando a colocación das próteses.
900 intervencións con Cirurxía robótica no Chuvi
A Xunta iniciou a súa aposta pola cirurxía robótica na Área Sanitaria de Vigo coa adquisición do Robot Da Vinci, que comezou a funcionar hai dous anos e que xa leva realizadas 900 intervencións en eidos como a uroloxía, a xinecoloxía, a cirurxía xeral e dixestiva, a cirurxía torácica e a otorrinolaringoloxía.
