Vigo, Galicia
General Política Vigo

El BNG de Vigo exige a Caride que cumpla la ley después del demoledor informe jurídico por la concesión ilegal de licencias urbanísticas

O informe emitido pola Secretaría Xeral do Pleno ratifica que o Goberno municipal de Abel Caballero vulnerou a suspensión automática de licenzas derivada da aprobación inicial do novo PXOM.

Xabier P. Igrexas: “O que ten que facer o Goberno municipal, a principiar pola señora Caride como máxima responsábel do Urbanismo da cidade e a persoa que coa súa sinatura outorga as licenzas, é cumprir escrupulosamente a lei poñendo fin ao urbanismo á carta que practica”

O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou como “demoledor” o informe xurídico que vén de emitir a Secretaría Xeral do Pleno no que se confirma a denuncia da fronte nacionalista de que se concederon ilegalmente varias licenzas urbanísticas.

O informe, que foi emitido a solicitude do BNG e dos demais grupos municipais da oposición –como esixe o Regulamento Orgánico do Pleno–, segundo Igrexas deixa claro con abondosa fundamentación legal e invocacións á xurisprudencia, que o Goberno municipal vulnerou a suspensión automática de licenzas que mandata a Lei do Solo de Galiza e o seu Regulamento, unha vez se acordou a aprobación inicial do novo PXOM o pasado 26 de agosto de 2021.

“A suspensión ten que aplicarse, si ou si, naqueles ámbitos e parcelas nos que hai cambios entre as previsións urbanísticas do plan en vigor, no caso de Vigo o PXOU do 93 as súas modificacións puntuais e tamén o Instrumento de Ordenación Provisional, e o que se recolle no novo PXOM en tramitación”, explicou o edil nacionalista citando o caso concreto a licenza da parcela da rúa Porto Rico, nas inmediacións da praza dos Cabalos, que foi denunciada pola fronte nacionalista xa hai varias semanas.

Neste sentido, o informe aclara de maneira taxativa que nin o resumo executivo do novo PXOM, nin ningunha decisión potestativa do Concello pode deixar sen efecto ou limitar a suspensión automática de licenzas, que se recolle na lexislación precisamente para dotar de maior seguridade xurídica a tramitación de algo “tan sensíbel e importante” como un novo Plan Xeral.

Aliás, Igrexas subliña que tamén se sinala de xeito explícito que varias das licenzas outorgadas están “incursas en causa de anulabilidade”, motivo polo que xa solicitou formalmente hai dúas semanas a “revisión de oficio” das mesmas.

Réplica a Caride

O portavoz municipal nacionalista criticou que a reacción do Goberno municipal, a través dunhas declaracións a medios de comunicación da concelleira de Urbanismo, María José Caride. “Diante dun informe xurídico demoledor, elaborado polo máis alto funcionario municipal e o encargado de adverar a legalidade das decisións municipais, a señora Caride limítase a tentar cargar contra o mensaxeiro, descualificando sen argumentos a Secretaría Xeral”, afirmou.

Perante a alusión a un presunto cambio de criterio xurídico, Igrexas retou a Caride a facilitar todas as instrucións e informes municipais en relación á suspensión automática de licenzas desde a aprobación inicial do novo PXOM, tal e como xa solicitou reiteradamente e que demostrarían a falsidade desa acusación.

“O que ten que facer o Goberno municipal, a principiar pola señora Caride como máxima responsábel do Urbanismo da cidade e a persoa que coa súa sinatura outorga as licenzas, é cumprir escrupulosamente a lei, poñendo fin ao urbanismo á carta que practica”, esixiu Igrexas.

Deja una respuesta