— Lamenta que a reforma presentada polo Goberno central non conte con memoria económica nin cunha análise da falta de profesionais en determinadas especialidades que sofre toda España
— Considera que o Ministerio de Sanidade non ten intención de solucionar o problema para evitar unha folga indefinida a partir de setembro
— Os paros médicos xa supuxeron a suspensión de case 280.000 cirurxías, consultas e probas en Galicia
— Celebra que o Ministerio de Sanidade accedese á petición da Xunta de que Vigo volva ser sede do exame MIR
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026.- O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, solicita do Ministerio de Sanidade que reinicie a reforma do Estatuto Marco xa que a proposta actual conta coa oposición unánime de todas as comunidades autónomas e do persoal facultativo e non resolve o principal problema da sanidade a nivel nacional, que é o déficit de profesionais en determinadas categorías.
Antes da reunión de hoxe do Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, Gómez Caamaño lamentou que a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central careza dunha memoria económica suficiente e que invada competencias organizativas das comunidades autónomas.
O conselleiro de Sanidade sinalou que a reforma non ten en conta o grave déficit de médicos de toda España e que, lonxe de solucionar este problema, o agrava. Os cambios propostos polo Ministerio de Sanidade poden reducir a capacidade asistencial do Sistema Nacional de Saúde, nun momento en que a evolución da demanda asistencial é crecente.
Neste sentido, Gómez Caamaño sinalou que ve ao Ministerio de Sanidade cómodo coas folgas contra a súa reforma do Estatuto Marco e que non ten ningunha intención de solucionar o problema porque a repercusión sófrena, ademais dos pacientes, os servizos de saúde das comunidades autónomas. Aludiu aos milleiros de actos médicos suspendidos en toda España e que en Galicia están próximos aos 280.000 desde o inicio dos paros no mes de decembro.
Ante o anuncio de convocatoria de folga indefinida a partir de setembro, Gómez Caamaño censurou que “a ministra xa demostrou a súa incapacidade para solucionar o problema e o presidente do Goberno ponse de perfil e devolve a pelota ao Ministerio”.
Gómez Caamaño referiuse a que entre as alegacións ao texto do Estatuto Marco presentadas por Galicia está a de establecer o financiamento necesario para dar resposta aos cambios formulados, maior rigor técnico, seguridade xurídica, unha análise do déficit de profesionais e un período de adaptación ao novo marco normativo.
Para rematar, Gómez Caamaño alegrouse de que o Ministerio de Sanidade atendera a petición da Xunta de que Vigo sexa sede para a realización do exame MIR. Lamentou que esta rectificación non se producira xa na última convocatoria de xaneiro de 2026, na cal Galicia tivo como única sede Santiago de Compostela.
