Vigo, Galicia
Vigo

El BNG pide congelar los salarios de los cargos electos en Vigo ante la subida por Caballero en 2026

  • Ve “inxustificado” o incremento dun 4% nas retribucións “xa elevadísimas” do alcalde e das e dos concelleiros con dedicación, que son máis do triplo que o salario promedio na cidade

Xabier P. Igrexas: “O BNG defendemos que exercer a representación democrática debe ter condicións económicas dignas, mais os salarios no Concello de Vigo van demasiado lonxe”

video
play-sharp-fill

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide a conxelación dos salarios dos cargos electos no Concello de Vigo ante a suba do 4% prevista polo Goberno de Abel Caballero para o vindeiro ano 2026. Así o demandou este martes o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, asegurando que “non hai xustificación” para aumentar as retribucións do alcalde e das e dos concelleiros con dedicación exclusiva ou parcial, que cualificou de “xa elevadísimas”.

De confirmarse esta suba recollida no proxecto de Orzamentos municipais -aprobado de forma inicial só co apoio do PSOE e co voto en contra do BNG- os cargos electos con dedicación exclusiva percibirían máis de 70.000 euros brutos anuais mentres que o salario do rexedor superaría os 80.000. Uns soldos que, subliñou Igrexas, mesmo «superan amplamente» os das máximas categorías do persoal municipal, incluídos postos que esixen dunha elevada cualificación.

O portavoz nacionalista considerou ademais especialmente “inoportuna e inxusta” esta suba das retribucións no actual contexto de dificultades económicas para as clases populares e traballadoras, pola alza dos prezos e o empobrecemento de salarios. Destacou que o soldo dos cargos electos é tres veces máis alto que o promedio en Vigo, de 22.000 euros, e lembrou que na cidade preto de 1 de cada 3 persoas traballadoras están por debaixo do salario mínimo, segundo datos oficiais da Axencia Tributaria.

“Con moitos fogares nos que cada día 15 xa é final de mes e con preto de 60.000 persoas en risco de pobreza e exclusión social na cidade, no BNG defendemos que non é aceptábel que se continúe a alargar a distancia entre as retribucións dos e das representantes institucionais da cidade cos da maioría social”, afirmou Igrexas.

A ese respecto, criticou tamén que o Goberno local decida subir os soldos cando vén de “impoñer” un aumento do 4% nos impostos e taxas municipais para o vindeiro ano. “Caballero pretende que as viguesas e vigueses paguen máis ao tempo que os membros da Corporación, con algún tipo de dedicación, cobren aínda máis”, afeou.

Fronte aos discursos da antipolítica

Dende a fronte nacionalista aseguraron que esta denuncia “non busca alimentar o discurso da antipolítica, que de maneira perversa e demagóxica empurran aqueles e aquelas que queren desprestixiar as institucións democráticas para que sexa fóra delas onde se toman as decisións”.

Pola contra, defenderon que desempeñar o servizo público como concelleira ou concelleiro, no Goberno ou na oposición, debe ter “condicións económicas dignas” para permitir que calquera persoa, con independencia da súa orixe ou status profesional, poida exercer a representación democrática da cidadanía.

“Mais cremos que os salarios fixados no Concello de Vigo van demasiado lonxe”, contrapuxo o portavoz municipal, lembrando que o BNG xa se opuxo a estas retribucións no Pleno de Organización de 2023 e tamén no inicio do anterior mandato municipal.   

Racionalización de soldos

Para o Bloque a conxelación dos salarios debe ser un primeiro paso para abrir un “debate necesario” sobre a racionalización de soldos dos cargos políticos no Concello de Vigo. Entre eles, incluíu tamén as retribucións do persoal de confianza, denunciando que no gabinete de Alcaldía hai na actualidade “persoas con ligazóns familiares directas co Goberno” con salarios entre 35.000 e 50.000 euros, moi por riba do persoal funcionario.

“A política non é unha profesión, nin un modo de vida. É un espazo para a participación democrática e iso é incompatíbel con prebendas ou privilexios económicos”, remachou.

Deja una respuesta

Hide picture