Vigo, Galicia
Vigo

El BNG exige medidas urgentes del Gobierno Español y de la Xunta frente a subida de los precios.

  • A fronte nacionalista presenta en Vigo dez propostas para enfrontar a “insoportábel” situación de carestía mentres o executivo central de PSOE-Unidas Podemos e o galego do PP continúan instalados na parálise.
  • Carmela González: “Hai que tomar medidas para rebaixar a cesta da compra, como reducir o IVE dos alimentos básicos, os produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, o transporte público, a electricidade e o gas”.
  • Xabier P. Igrexas: “Non nos podemos resignar a que este agravamento da crise se traduza nun novo saqueo en contra da maioría social que representan as clases populares e traballadoras do noso País”.

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar en Vigo unha batería de propostas para enfrontar a escalada de prezos. A fronte nacionalista esixe medidas urxentes tanto do Goberno español como da Xunta de Galiza ante a grave situación de carestía que padecen milleiros de galegos e galegas polo incremento disparado da inflación, o máis elevado dos últimos 30 anos.

“A situación é insoportábel e non podemos permitir que tanto o Goberno español de PSOE-Unidas Podemos como a Xunta do PP sigan paralizados”, reclamou a deputada parlamentaria e portavoz de Comercio do BNG, Carmela González, acompañada do concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas. “As galegas e galegos estamos sufrindo esta crise con máis intensidade, cun incremento dos prezos moi superior ao do Estado, en particular as persoas máis vulnerábeis e con menos recursos”. Unha delegación da fronte nacionalista visitou este venres o Mercado do Progreso para coñecer de primeira man os efectos da crise no sector e na veciñanza. Durante a mesma, constataron que a situación de crecente empobrecemento vén de lonxe, e se ve agravada agora pola guerra na Ucraína. “Os salarios cada vez alcanzan a menos, temos un maior número de persoas e familias traballadoras con dificultades para afrontar os gastos básicos, e o grave impacto que ten esta crise sobre o tecido comercial e produtivo do País”, advertiu González.

Dez medidas concretas fronte a crise

Diante desta situación, o BNG trasladou dez propostas concretas para un cambio de modelo económico e para atallar no curto prazo os efectos da crise -no marco da campaña Os prezos soben, os teus cartos baixan: Fagámonos valer– que apostan por unha fiscalidade máis xusta, rebaixar o incremento dos prezos, despregar unha maior intervención pública na economía e aumentar as pensións e os salarios na Galiza.

Entre outras medidas, a fronte nacionalista pide unha baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, os produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, o transporte público, a electricidade e o gas; intervir no sector eléctrico e no mercado da vivenda para controlar os prezos;  incrementar os salarios máis baixos até o 60% do soldo medio actual e as partidas para axudas sociais, así como medidas de protección no sector agro-gandeiro e pesqueiro.

Evitar un novo saqueo contra a maioría social

“Hai alternativa, non nos podemos resignar a que este agravamento da crise se traduza nun novo saqueo en contra da maioría social que representan as clases populares e traballadoras do noso País”, afirmou o edil do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “Cómpre que tanto o Goberno español como a Xunta deixen de mirar cara outro lado ante a desesperación de millares de galegos e galegas que chegan con moitas dificultades a fin de mes”, engadiu.

Igrexas chamou a despregar medidas que permitan “rescatar ao pobo e ao tecido comercial e produtivo” da Galiza coa mesma “dilixencia e axilidade” que na crise de 2008 cando se “rescatou á grande banca con miles de millóns de diñeiro de todas e todos”.

En chave local, o edil nacionalista recordou que na cidade hai hoxe máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza “con centos de familias e persoas traballadoras acudindo a organizacións asistenciais ou comedores sociais para garantir a súa propia alimentación”.

Deja una respuesta