- A fronte nacionalista formula unha emenda á moción presentada polo alcalde para o Pleno extraordinario deste xoves, a quen acusa de “desviar a atención con falsidades e insidias”
Xabier P. Igrexas: “Volvemos tenderlle a man ao alcalde para que rectifique e ao conxunto dos grupos da Corporación para atinxirmos un acordo unánime, que envíe unha mensaxe rotunda desde a unidade en nome de toda a cidade esixindo que a Saída Sur sexa realidade, si ou si, no ano 2030”
O Bloque Nacionalista Galego fixo un chamamento a todas as forzas políticas con representación no Pleno do Concello de Vigo para atinxir un acordo unánime esixindo que a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, a Saída Sur, sexa realidade no ano 2030.
Así o vén de manifestar o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que anunciou que as nacionalistas rexistraron unha emenda á moción presentada polo alcalde, a quen acusan de “desviar a atención con falsidades e insidias”.
“Tal e como advertiramos desde o BNG a pasada semana, Abel Caballero decidiu converter o pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro xoves sobre a Saída Sur nunha especie de axuste de contas partidista. A proposta de moción que remitiu onte o Alcalde, e que non foi consensuada con ningún grupo da oposición, así o vén de demostrar”, explicou.
Igrexas denunciou que o texto “con abertas falsidades e insidias” o único que parece querer buscar é “desviar a atención sobre o verdadeiramente importante que é que decisións vai adoptar o Goberno español para non postergar a Saída Sur por detrás da conexión Lisboa-Madrid, como afirmou Pedro Sánchez na Cimeira Ibérica”.
Falsidades de Abel Caballero
No entanto, o BNG non quere entrar nunha escalada de reproches e acusacións cruzadas para evitar “caer na trampa de Caballero”. “Queremos entender que algunhas das falsidades que se recollen no texto, acusando a alcaldía do BNG de presuntamente non ter defendido a conexión directa da cidade por Alta Velocidade, só responde á desconexión que nese momento tiña o propio Abel Caballero da realidade de Vigo, xa que ficaba resgardado nos seus particulares cuarteis de inverno despois de colleitar o peor resultado electoral, até ese momento, do PSOE nunhas eleccións galegas como candidato á presidencia da Xunta”, ironizou.
En troca, Igrexas subliñou que si houbo unha enérxica resposta en chave de cidade que se plasmou nun acordo unánime no daquela denominado Consello Económico e Social do Concello de Vigo esixindo, diante do descarte polos gobernos do PP na Xunta e en Madrid do trazado en L, unha conexión directa de AVE coa nosa cidade. “Foi ese consenso unánime liderado polo alcalde nacionalista Lois Pérez Castrillo o que logrou que esta demanda fose formalmente aceptada, pero postergada desde hai máis de 20 anos polos sucesivos gobernos españois de PSOE e de PP. Abonda con revisar a hemeroteca para comprobalo”, enfatizou.
Para o portavoz municipal nacionalista incorporar a conexión de Cerdedo neste debate é só unha “manobra de distracción”, tendo en conta que ese trazado continúa pendente dun novo estudo informativo. “Pedro Sánchez non dixo nin unha soa palabra na Cimeira Ibérica sobre Cerdedo, o que si manifestou de maneira ben clara o Presidente do Goberno, en contraste coa posición portuguesa, é que a prioridade para o seu executivo é a conexión de alta velocidade entre Lisboa e Madrid, como pedía Isabel Díaz Ayuso, postergando a Saída Sur até 2032”, retrucou.
Desde a fronte nacionalista reiteran que un asunto estratéxico para Vigo como é a conexión ferroviaria de alta velocidade con Porto “non pode acabar enlamado como un triste capítulo máis da lea partidista da que tanto gostan PSOE e PP”. A este respeito lembran que o pasado martes solicitaron, sen éxito, que o alcalde convocase de maneira extraordinaria e urxente o Consello Social da Cidade.
Mensaxe firme e unánime
“Hoxe volvemos tenderlle a man ao alcalde para que rectifique e ao conxunto dos grupos da Corporación para atinxirmos un acordo unánime, que envíe unha mensaxe rotunda desde a unidade en nome de toda a cidade de Vigo esixindo que a Saída Sur sexa realidade, si ou si, no ano 2030”, proclamou Igrexas.
Con ese obxectivo, o Bloque Nacionalista Galego vén de formular unha emenda á moción presentada polo alcalde para que o Pleno deste xoves adopte un único acordo: “Instar ao Goberno español a priorizar e axilizar, como defende o goberno de Portugal, a posta en marcha da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, a Saída Sur, sen postergala en favor de ningunha outra conexión e incorporando nos orzamentos xerais do Estado do vindeiro ano e seguintes exercicios a dotación económica necesaria para efectivizala no horizonte do ano 2030”. Un texto que o BNG estaría en disposición de modificar para permitir unha votación unánime.
“Dixemos e repetimos que fronte ao ruído oportunista é momento de que a maior cidade de Galiza se exprese de maneira firme e inequívoca, con ese obxectivo o BNG defendemos que é momento de grandes acordos sobre unha premisa irrenunciábel: facermos valer, por acima de todo, os intereses de Vigo e de Galiza”, recalcou Igrexas.
Desde o BNG apelaron ao sentido da responsabilidade de Abel Caballero, sinalando que se o obxectivo é defendermos con firmeza a Saída Sur en 2030 “non caben cambadelas partidistas, nin trucos de relato, é o momento de estar á altura do que esperan as viguesas e os vigueses, e aí é onde nos van atopar”
“Vigo precisa máis do que nunca dun alcalde que lidere desde o diálogo e o consenso, e non que actúe como un hooligan de partido ao servizo dos intereses da Moncloa”, remachou Igrexas.