A fronte nacionalista reclama ao Goberno municipal que resolva as becas para libros de texto, material escolar e comedor coa “máxima rapidez”, diante da demora do pasado ano
Xabier P. Igrexas: “Un Concello que deixou 152 millóns sen gastar en 2022 non pode ter a 4 mil familias esperando por unhas axudas fundamentais neste contexto de inflación”
O Bloque Nacionalista Galego volve urxir ao Goberno local a que axilice as axudas escolares do Concello para evitar un novo “calvario” a miles de familias de Vigo. Así o reiterou este martes o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que reclamou tramitar as becas para libros de texto, material escolar e comedor coa “máxima rapidez”, diante da demora do pasado ano e cando restan 20 días para o inicio do curso.
“O BNG xa advertimos en xuño de que o normal sería que as axudas se resolveran antes do inicio do curso [previsto para o 11 de setembro], cando as familias teñen que facer un desembolso moi importante”, asegurou Igrexas, quen subliñou a importancia destas becas para moitos fogares vigueses no actual contexto de “graves dificultades” por causa da inflación e da carestía de prezos.
O portavoz nacionalista afirmou que “non hai razón” para repetir a demora do curso anterior, cando se comezaron a resolver a finais de novembro e se aboaron a partir de mediados de decembro pola “burocracia” do Goberno de Abel Caballero. “Non ten xustificación que o Concello da maior cidade galega teña en vilo a miles de familias pola súa incapacidade na xestión dunhas axudas que convoca todos os anos”, lamentou Igrexas.
Nese sentido, avisou de que moitas ANPAs viviron “situacións límite” en 2022 por esta dilación ao ter que adiantar varios meses das axudas de comedor a aquelas familias sen recursos suficientes. “Un Concello de Vigo que deixou o pasado ano 152 millóns de euros do seu orzamento sen gastar non pode ter a case 4 mil familias esperando a saber si van percibir as axudas para comprar os libros de texto, o material escolar ou para financiar o comedor das súas fillas e fillos”, remachou.