Vigo, Galicia
Uncategorized

El BNG de Vigo reclama explicaciones por la falla de seguro de accidentes en el gimnasio del Berbés

  • Tacha de “aberrante” que se derivase a un usuario de 74 anos, que sufriu lesións nunha máquina, a un centro médico coa instrución de que mentise sobre o lugar do accidente
  • Alerta do “absoluto abandono” e de novos peches nas instalacións deportivas municipais

Filipe Abalde: “As viguesas e vigueses merecen uns ximnasios dignos, con horarios de apertura amplos, instalacións limpas, ben mantidas e con equipamentos seguros”

video
play-sharp-fill

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de demandar explicacións do Goberno municipal de Vigo pola falla de seguro de accidentes no ximnasio do Berbés. Esta situación foi revelada por un usuario de 74 anos que sufriu a pasada semana lesións polo mal estado dun equipo, ao que se lle informou de que a instalación municipal non conta con póliza e que foi derivado a un centro médico do Sergas coa instrución de que mentise sobre o lugar do accidente.

O concelleiro do BNG de Vigo, Filipe Abalde, considerou que este feito pon de novo en evidencia a “total falla de mantemento” dos ximnasios municipais, malia as numerosas denuncias de persoas usuarias alertando do estado obsoleto de moitos equipos. “Esta é a magnífica xestión deportiva da que se atreveu a presumir Abel Caballero no Pleno no que o BNG demandamos solucións?”, cuestionou.

A fronte nacionalista tachou de “aberrante e incomprensíbel” que o Concello de Vigo non responda coas mesmas garantías que calquera instalación deportiva privada en caso de accidentes. A ese respecto, afeou que a única resposta por parte dos responsábeis do ximnasio do Berbés fose inducir ao usuario lesionado que informase de que os danos se produciran na rúa en lugar dun banco de musculación en mal estado do centro deportivo.

Dende o Bloque van solicitar explicacións na vindeira Comisión Informativa ao edil de Deportes, Manel Fernández, sobre as xestións realizadas diante do accidente, despois de que a persoa afectada denunciase publicamente estar baixo un “total desamparo”. Nesa liña, van interpelar sobre o motivo de que o ximnasio do Berbés non conte con seguro, así como coñecer se o resto de instalacións deportivas municipais teñen póliza.

Absoluto abandono e peches

O concelleiro do BNG valorou este caso como o “enésimo exemplo do absoluto abandono que padecen” as dotacións deportivas do Concello. Esta mesma semana, denunciou, o propio ximnasio do Berbés volveu sufrir novos peches intermitentes, que se suman aos rexistrados durante todo o verán no resto de instalacións. Unha circunstancia que a xuízo das nacionalistas mostra a “incapacidade” da área de Deportes para garantir “algo tan básico” como a apertura.

“Abonda de tomaduras de pelo e de desleixo, as viguesas e vigueses merecen uns ximnasios municipais dignos, con horarios de apertura amplos, instalacións limpas, ben mantidas e con equipamentos seguros”, reclamou Abalde. Por estes motivos, avanzou, o Bloque traslada o seu “total apoio” á mobilización convocada pola Federación Veciñal e polas usuarias e usuarios dos ximnasios -este venres 29 de agosto ás 19:30 diante do ximnasio do Berbés- para esixir melloras urxentes nas instalacións deportivas municipais

Deja una respuesta

Hide picture