- A Unidade de Patoloxía Mamaria, emprazada no Meixoeiro, diagnosticou o pasado ano 387 novos casos de cáncer de mama e realizáronse medio millar de intervencións cirúrxicas
- As novas instalacións da Unidade de Mama, que duplican a superficie da anterior, fixeron posible manter a súa actividade durante a pandemia garantindo as condicións de seguridade
Con motivo do Día Mundial do Cáncer de Mama que se celebra hoxe, a Área Sanitaria de Vigo xunto coas Asociacións ADICAM e AECC desenvolveu varias accións informativas para sumarse así a esta celebración.
O xerente da Área, Javier Puente, achegouse ao hospital Meixoeiro onde a Asociación ADICAM fixo entrega dos Cojines de Corazón á Unidade de Mama, como símbolo da súa colaboración e compromiso con esta enfermidade .
512 intervencións cirúrxicas
A Unidade de Patoloxía Mamaria do CHUVI leva operando no Meixoeiro como unidade funcional desde a súa creación en maio de 2010.
O pasado ano estreou novas instalacións, cunha estrutura que duplica a superficie da anterior, con espazos amplos e cómodos para pacientes e traballadores. A nova estrutura posibilitou, durante a pandemia, preservar as distancias interpersoais e manter a actividade desta Unidade, tanto de consultas como cirúrxica, garantindo as condicións de seguridade.
Así, durante o 2020 os profesionais diagnosticaron un total de 387 casos novos de cancro de mama e realizaron 512 intervencións cirúrxicas. Segundo explica a coordinadora da Unidade, Rosa Mallo “durante o confinamento seguimos atendendo aos pacientes derivados con criterios de sospeita de carcinoma de mama, a través de Via Rápida de mama; isto é, un circuíto asistencial que garante que calquera paciente con sospeita dunha lesión mamaria sexa atendido nesta Unidade en menos dunha semana. A a través desta Vía estudamos a 2.480 pacientes.”
Abordaxe integral de lesións mamarias
A Unidade de Patoloxía de Mama ofrece unha abordaxe integral das lesións mamarias, tanto benignas como malignas. Así, no hospital Meixoeiro centralízase, ademais das probas de diagnóstico por imaxe, todos os tratamentos cirúrxicos e radioterápicos de mama realizados no Chuvi. Está integrada por especialistas dos servizos de Radiodiagnóstico, Anatomía patolóxica, Cirurxía xeral, Xinecoloxía, Técnicos e Enfermaría. Conta, ademais, co apoio dos servizos de Oncoloxía médica, Radioterapia, Psiquiatría, Xeriatría, Rehabilitación, Anestesia e Cirurxía plástica. Tamén hai que subliñar que dispón dunha Consulta de Asesoramento de Risco familiar de cáncer de mama.
En definitiva, o Meixoeiro conta con profesionais altamente cualificados e cos recursos técnicos máis avanzados para un diagnóstico e tratamento desta enfermidade da máxima calidade.