· O presidente agradece o traballo e dedicación de anos de antigos representantes populares da provincia de Pontevedra e califica o encontro como un acto “bonito, emocionante e moi xusto”
· En clave electoral, insiste en que Galicia ten que ser “o motor do cambio” para elevar a Alberto Núñez Feijóo á presidencia do Goberno de España, facendo un guiño ao presidente honorífico do PPdeG, Mariano Rajoy
· Luis López afirma que dende o ano 1979 houbo 7.960 persoas que foron nas listas do PP, con 2.600 concelleiros e 152 alcaldes, “unhas cifras extraordinarias que se traducen no que somos: unha gran familia”
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe en Sanxenxo que a “boa política” comeza “no pequeno, polo local”, poñendo en valor os esforzos de exalcaldes e exconcelleiros populares históricos de Galicia, os que deixaron “un importante legado” para que o PPdeG sexa “o que é hoxe: unha gran familia”.
Así o manifestou durante o acto de homenaxe, que cualificou de “bonito, emocionante e moi xusto”, a antigos representantes populares da provincia de Pontevedra. Baixo o nome “Compromiso compartido”, é un recoñecemento público a quen gobernaron coas siglas do partido, liderando o desenvolvemento das infraestruturas, a economía e os servizos locais dos seus respectivos concellos; así como ao resto de representantes públicos que dedicaron anos de servizo na oposición ou en tarefas de goberno local. Neste sentido, os populares instaron a fixarse nestes representantes para “coller impulso e ánimo” para os próximos retos electorais, tanto para as Xerais do 29N como para as municipais de 2027.
O acto, con máis de 1.500 asistentes, serviu para poñer en valor a vocación de servizo público, proximidade e entrega absoluta de representantes do PPdeG nunha provincia que, historicamente, contribuíu aos grandes fitos electorais do partido. Na homenaxe interviñeron tamén o presidente honorífico do PPdeG e expresidente provincial, Mariano Rajoy, e o presidente do PP na provincia de Pontevedra, Luis López, facendo de anfitrión o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.
Durante o seu discurso, Rueda puxo en valor a importancia de recordar de “onde vimos”. “Estamos aquí porque moita xente nos trouxo aquí e este acto é de xustiza”. Todas as historias que viviron os presentes ao longo da súa vida política reflexan que “só hai unha historia, a desta gran familia, o gran equipo que formamos”. “Dicimos que somos o partido que máis se parece a Galicia”, e se por algo é “é porque Galicia son familias”.
“UN ESFORZO MÁIS, SEGUIR TRABALLANDO COMO FACEMOS”
O líder dos populares galegos tamén fixo referencia aos próximos comicios do 29N, insistindo en que Galicia ten que ser “o motor do cambio” para elevar a Alberto Núñez Feijóo á presidencia do Goberno de España. “Feijóo meréceo, porque foi presidente de Galicia durante moitos anos, porque nos coñece ben e porque está á fronte dun reto que merece todo o apoio do mundo”, sinalou Rueda. “Para iso pídovos un esforzo máis, seguir traballando como facemos: con verdade, sentidiño e xenerosidade”, engadiu, sen necesidade de “ter que falar doutros, como fan outros partidos políticos, que se dedican a criticar mentres nós nos dedicamos a traballar”.
Neste sentido, referiuse ao expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen tamén tivo que afrontar o reto que está a vivir agora Alberto Núñez Feijóo. “El sabe mellor que ninguén que hai que comezar dende abaixo”, dixo o número un do PPdeG. “Mariano Rajoy ve as cousas dende onde hai que velas, dende os concellos”, porque todo o que “aprendes nos municipios, se pode aplicar en moitos outros lugares”.
De feito, Mariano Rajoy afirmou que daquela época se levou “grandísimos aprendizaxes”. “Ao fin, só recordamos o que estamos vivindo hoxe neste acto: que todos fomos concelleiros ou alcaldes do Partido Popular e a moita honra, moi orgullosos”, pedindo tamén un esforzo para levar a Alberto Núñez Feijóo á presidencia do Goberno de España.
LUIS LÓPEZ: “O VOSO TRABALLO É A NOSA CARTA DE PRESENTACIÓN”
Pola súa banda, o presidente provincial de Pontevedra, Luis López, deu as grazas na súa intervención aos que “renunciastes ao voso tempo, á vosa tranquilidade, para loitar por un lugar mellor para a vosa xente; aos que vos arremangastes nos 80, nos 90, nos 2.000 e agora; aos que sempre estabades aí; aos que nos ensinastes o que é traballar polos demais, o que significa ser xente de palabra, o valor do sentidiño, ter principios, camiñar ao carón da xente e saber xestionar, douvos as grazas”.
O presidente provincial fixo mención especial «aos que nos cederon o testemuño, a eses mestres da política próxima e a eses concelleiros cuxa pegada vive nos seus concellos». Con especial emoción, lembrou a aqueles que hoxe foron representados polas súas familias «porque xa non están con nós, pero sempre estarán no recordo». «Grazas de todo corazón en nome do millón de persoas que viven aquí», engadiu.
“Dende o ano 1979, houbo 7.960 persoas que foron nas listas do PP, tivemos 2.600 concelleiros e un total de 152 alcaldes e alcaldesas, unhas cifras extraordinarias e que se traducen no que somos: unha gran familia que arrima sempre o ombro e fai piña, como é agora neste acto”, indicou Luís López. Ese orgullo pola andaina compartida é o “motivo principal polo que nace este acto, subliñando que congregar a máis dun milleiro de ex-concelleiros é un fito que «só está ao alcance do PP», dixo.
Neste sentido, Luis López contrapuxo a solidez do PP coa situación doutras formacións: “Hai partidos que non son quen de reunir nin á xente que teñen agora porque se levan mal entre eles, moito menos aos que militaron no pasado, e hai partidos que naceron onte e non teñen nin historia que recordar, nin persoas que reunir”. Pola contra, sinalou que os motivos dos populares están «na porta da casa», xa que non hai camiño, praza, pavillón ou centro cultural na provincia que non leve a impronta dos homenaxeados.
“UNHA HISTORIA COMPARTIDA”
O acto, que contou coa entrega de agasallos a exalcaldes e exalcaldesas, converteuse nunha demostración de forza e unidade orgánica e na reafirmación da cohesión do partido en Galicia e, concretamente, en Pontevedra, provincia na que o PPdeG goberna en 28 concellos.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, moderou o coloquio central do acto, titulado “Unha historia compartida”, no que compartiron as súas experiencias vitais e profesionais Purificación Álvarez, mestra e alcaldesa da Guarda entre 1989 e 1999; Juan José González, concelleiro da Illa de Arousa entre 1997 e 2019, que logrou manter a súa acta de forma ininterrompida durante máis de dúas décadas, e Manuel Gómez, concelleiro de Lalín durante máis de 30 anos.
