Vigo, Galicia
General Portada

A asociación veciñal de Teis, reivindica no orzamento do concello máis investimento para Teis.

A Asociación Veciñal de Teis, presentou esta semana no rexistro do Concello de Vigo, cinco reclamacións ao orzamento do Concello de Vigo para o ano 2020, que se atopaba en período de exposición pública ate o pasado 14 de decembro.

Nestas alegacións a Asociación Veciñal de Teis, reivindica a inclusión no orzamento da creación de seis novas partidas, por un importe total 1.740.000 euros.

A mellora do equipamento da EDAR de Teis por un importe de 700.000 mil euros ,a eliminación de vertidos de augas fecais na rúa Arnela por un importe de 110.000 euros, un plan de beirarrúas en Teis, por un importe de 400.000 euros, mellora do parque da Riouxa por un importe 250.000 euros, plan asfaltado en Teis por un importe de 180.000 euros e a programación do auditorio de Teis por un importe de 100.000 euros

A mellora do equipamento EDAR depuradora de Teis.

A depuradora de Teis, foi executada durante os anos 2000 e 2001 pola Xunta de Galiza, pasou a explotación municipal en xullo de 2001.

Segundo recollen informes municipais os caudais actualmente da planta son superiores aos previstos cando foi deseñada. Ademais, está Asociación e colectivos ecoloxistas temos denunciado publicamente diante das diferentes administración os vertidos de augas sen tratar desde esta planta.

Polo que sería necesario, actualizar os equipos de desinfección da planta así como os niveis de control dos parámetros de vertido.

Eliminación vertidos augas fecais rúa Arnela.

Nun regato da rúa Arnela, especialmente visíbel entre os números 19 e 25, podemos comprobar a existencia de augas fecais, este regato desembocan no regato do Paraixal.

Unha parte da veciñanza que vive no entorno queixase desde hai anos das augas fecais, ademais da presenza de moitas ratas.

Esta Asociación presentou escritos denunciando esta situación tanto ao Concello como a Aqualia.

Ademais, este caso denunciouse por parte dalgunha veciña de xeito reiterado ao longo dos últimos dez anos ao Concello de Vigo, a Aqualia e a Augas de Galicia.

Construción de beirarrúas.

No barrio de Teis, podemos aínda observar como hai rúas que carecen dunha simple beirarrúa nalgunha das marxes. Esta situación provoca perigo para a veciñanza que vive ou pasar por estas rúas, pois son rúas moi transitadas e hai risco de atropelo.

Esta asociación xa ten solicitado a este goberno municipal, a necesidade de construír beirarrúas nestas rúas, pero até o de agora non foi unha prioridade.

Aquelas rúas nas que sería máis urxente actuar son a 1º Travesía da Oliveira, rúa Gerardo Campos Ramos e a rúa Roris.

Plan de asfaltados rúas

Desde fai anos vimos denunciando o mal estado do firme de moitas rúas de Teis, que non se soluciona con tapar unhas fochancas.

Aquelas rúas nas que sería máis urxente actuar son a rúa Gerardo Campos Ramos, camiño do Laranxo, rúa Julian Estevez, 1º travesía de Foxos incluíndo o estacionamento, Doutor Corbal tramo final.

Mellora parque da Riouxa

A Riouxa, é un dos grandes parques da cidade, pero necesita mellorar tanto no seu mantemento como nas dotacións, pois é un espazo descoñecido e desaproveitado pola deixadez municipal.

Na década dos anos 90 realizouse a ampliación da baixada a Rotea, collendo terreos do parque, pero quedou pendente de facer unha parte do muro que rodea o parque. Este muro leva sen finalizarse uns 30 anos.

Desde fai anos vimos denunciando que os parques infantís existentes son insuficientes para atender as necesidades das familias do barrio. Polo que consideramos necesario a ampliación do parque infantil existente na Riouxa, ademais de rematar o muro perimetral.

Programación auditorio de Teis

O barrio de Teis, conta cun excelente auditorio, pero que carece dunha programación anual para ofertar a veciñanza de Teis, máis ala da solicitude de colectivos de Teis ou da iniciativa de entidades culturais.

Consideramos que a veciñanza de Teis, ten dereito a poder contar cunha oferta cultural digna no seu barrio, ao longo do ano

Deja una respuesta