O portavoz municipal do BNG Vigo insiste en que arestora continúa sen ter acceso aos 41 documentos e expedientes relacionados co concerto
A fronte nacionalista considera “raro e sospeitoso” que a carta de interese remitida a Sweet Nocturna en outubro, e da que nunca falou o Goberno, se incorpore nun expediente en xuño
Xabier P. Igrexas: “Font dixo solemnemente que non houbo acordo previo coa promotora. Agardemos que nos vindeiros días ou semanas non acabe aparecendo algún outro documento, formal ou informal, ou outro tipo de proba que o refute. De suceder sería un punto de non retorno”
O Bloque Nacionalista Galego reaccionou á rolda de prensa ofrecida esta mañá polo Portavoz do Goberno municipal de Vigo, Carlos López Font, en relación á polémica que envolve o concerto de Guns N’ Roses e a opacidade coa que están a xestionar os claros indicios de irregularidades. O Portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, cualificou a comparecencia de Font de “intento descarado de intoxicar e confundir”. “Foron case 30 minutos dunhas poucas medias verdades e moreas de falsidades coa intención clara de enlear e desviar a atención”, resumiu.
A primeira das mentiras “rotundas e obscenas” é afirmar que o Goberno municipal non está a impedir o acceso do BNG aos 41 documentos e expedientes que solicitaron desde o pasado 12 de xuño e reiteraron nun novo escrito o 11 de xullo. “Neste momento, ás 16:30h do día 18 de xullo, este concelleiro inda non ten acceso a ningún dos documentos solicitados hai unha semana”, explicou, tal e como se acredita cun simple captura do aplicativo de expedientes nos que a calquera intento de acceso se sinala que a visualización non está permitida.
En relación á resolución á que aludiu Font e na que se lle daría, por fin, acceso ao BNG á documentación solicitada, a mesma está inda pendente de sinatura que a oficialice por parte da concelleira delegada de Contratación, Patricia Rodríguez. “O único que recibín foi un aviso interno, onte ás 20:15, dentro do aplicativo de expedientes cun documento sen asinar por ninguén e polo tanto sen validez legal e que fora incorporado ás 18:54h, curiosamente despois de que se publicase nos medios a nova denuncia do BNG de que inda non se nos dera acceso”, explicou.
Por outra parte, Igrexas afeou a Font a súa descarada “manipulación” en relación aos prazos nos que o Goberno debe atender as solicitudes de documentación municipal. “O artigo 9 do Regulamento Orgánico do Pleno é clarísimo: o prazo máximo para resolver e facilitar o acceso é de 5 días naturais. Como sei que o señor Font sabe contar, saberá que desde o martes 11 até o luns 17 pasaron máis de 5 días. Xa non digamos desde o 12 de xuño.”
O portavoz municipal nacionalista considerou “dun cinismo olímpico” acusalo de “impaciencia”. “Hai que ter a cara de formigón para dicir que son un impaciente por denunciar que non se me deixa consultar expedientes municipais, cando tiveron que pasar 36 días desde o concerto para que un voceiro do Goberno dese algunha explicación despois de semanas de silencio covarde de Caballero que só interrumpiu para abroncar aos medios e xornalistas que se atrevían a preguntarlle”, retrucou.
Carta de interese
Un dos elementos máis significativos da comparecencia de Font é, segundo Igrexas, o recoñecemento por vez primeira de que si existía unha “carta de interese” coa promotora do concerto anterior ao presunto e frustrado concurso para un patrocinio publicitario. “Resulta difícil de explicar como un documento do mes de outubro do ano pasado acaba incorporado nun expediente municipal a finais deste xuño. Raro, por non dicir sospeitoso”, apuntou.
No entanto, desde o BNG valoraron como un “avance” que o Goberno municipal se pronunciase sobre a existencia ou non dun preacordo con Sweet Nocturna. “Font dixo solemnemente que non. Agardemos que nos vindeiros días ou semanas non acabe aparecendo algún outro documento, formal ou informal, ou outro tipo de proba que o refute. De suceder sería un punto de non retorno”, advertiu Igrexas.
Deber de reserva
En relación á advertencia lanzada polo Goberno sobre o deber de reserva co que se debe xestionar a documentación municipal, Igrexas respondeu de maneira rotunda que “unha cousa é reserva e a prudencia coa que sempre se manexan documentos oficiais, outra é que esa reserva no que dependa do BNG non vai ser unha mordaza para ocultar a verdade que as viguesas e vigueses merecen coñecer”. “A evidente tensión e nerviosismo do Goberno municipal, que ficou patente no ton da comparecencia do seu portavoz, responde á certeza de que o BNG imos escudriñar até o fondo, caia quen caia. A cidade merece menos mentiras e máis transparencia”, remachou o edil nacionalista.