― A investigación, coordinada polo Grupo de Uropatoloxía do IISGS, recibiu unha Beca da Sociedade Galega de Uroloxía e un premio nacional no Congreso anual da especialidade
― O obxectivo do estudo era determinar os factores de risco das patoloxías prostáticas tanto a nivel inmunohistoquímico como de microbiota intestinal
― Entre as conclusións principais, subliñan o papel fundamental da microbiota nas enfermidades e na saúde urolóxica
Un equipo multidisciplinar do Álvaro Cunqueiro ven de recibir varios recoñecementos científicos polo seu traballo de investigación relacionado cos factores de risco do cancro de próstata.
Así, o estudo recibiu unha Beca da Sociedade Galega de Uroloxía e o Premio «Julián Gutiérrez de Toledo» á mellor comunicación oral no Congreso Nacional de Uroloxía polo traballo titulado: “Vigilancia activa en el cáncer de próstata: perfil inmunohistoquímico y microbiota.”
Este proxecto, desenvolvido polo Grupo de Uropatoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, liderado pola uróloga Elena López Diez, ten como investigador principal ao urólogo Adrián Freire. Ademais, contou coa colaboración do urólogo Alejandro Bella e doutros especialistas como a microbióloga Sonia Pérez e os anatónomo patólogos J. A Ortiz e P. San Miguel.
Segundo explica a doutora López Diez “o obxectivo do estudo era encontrar factores de risco que nos permitan predicir que pacientes progresarán de xeito precoz en vixilancia activa, tanto a nivel inmunohistoquímico como de microbiota intestinal”.
Perda do xen PTEN
Na investigación incluíronse a 40 pacientes cunha media de idade de 67,1 anos e con diversas lesións prostáticas.
No referido aos estudos inmunohistoquímicos, que son análises de tecido extirpado nunha biopsia, valorouse o comportamento de varios xens, entre eles o PTEN, que axuda a deter o crecemento dos tumores. Trátase dun supresor tumoral que frea as células para que non se dividan demasiado rápido.
Entre as conclusións, o estudo confirma que unhas das alteracións máis frecuentes no cáncer de próstata a nivel inmunoshistoquímico é a perda deste xen, que se relaciona cunha progresión máis rápida da enfermidade e cun peor prognóstico.
Polo tanto, aválase que a perda deste xen é un factor de risco moi significativo no cáncer de próstata.