NOTA CONXUNTA DE PRENSA
O pasado día 25 de xuño de 2024 pechouse un acordo histórico entre as tres principais forzas sindicais do Concello de Vigo – SICO, UGT e CCOO – e o goberno local (representado por Dª. Patricia Rodríguez Calviño e Dª María Olga Alonso Suárez), a quen lle damos publicamente as grazas pola súa empatía e clara predisposición ao diálogo durante todo o proceso. Acordo cuxa aplicabilidade implicará, como veremos, grandes beneficios para o persoal do Servicio de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) e, en definitiva, para a cidadanía.
Pero esa Mesa xeral de negociación, cumpre advertir, non foi un punto de partida. É o resultado de moitos meses de traballo e debate continuo. De feito, resposta á fel materialización dun acordo previo intersindical de 26 de agosto de 2020 (incorporado ao expediente municipal 115866/210), e que fora consensuado, daquela, polos delegados das seccións sindicais de SICO, UGT, CCOO CIG e CUT. Pero, sendo realistas, cumpre dicir que aquel acordo foi, incluso, notoriamente mellorado na pasada Mesa de negociación respecto das moi contidas e prudentes reivindicacións sindicais que se plasmaban naquel documento.
Pois ben. Entre os distintos logros finalmente acadados na Mesa do pasado 25 de xuño de 2024, conseguimos os seguintes compromisos institucionais:
- Incorporación de máis de trinta novas prazas de nova creación para o SPEIS co obxecto de dimensionar definitivamente o servizo e de acordo ás previsións organizativas informadas pola propia Xefatura.
- Establecemento dunha xornada, en cómputo anual, idéntica á do resto dos demais empregados públicos (1.642 horas). E dicir, acordouse a supresión definitiva das 219 horas estruturais que, a maiores desa xornada común, ía recollida nalgunha que outra sentenza xudicial que comprometía e cuestionaba o alcance da xornada anual dos bombeiros, como acontecía coa sentenza do xulgado do contencioso administrativo número 2 de Vigo, PROCEDIMIENTO ABREVIADO 0000088 /2023, de data 9 de novembro de 2023, e onde non so desestimou unha innecesaria e absurda discusión procesual iniciada por un delegado do sindicato CUT, senón que acabou sentenciando, en contra dos dereitos do persoal do SPEIS, que a xornada anual dos bombeiros era de 1.861 horas retribuídas. Grazas a esta negociación do pasado 25 de xuño conseguimos sacar o barco das pedras e solucionar os desaguisados procesuais causados por outros.
- Garantía institucional de que o complemento específico do persoal do SPEIS non sexa minorado por mor do recoñecemento formal desa xornada de 1642 horas, e dicir, pola supresión das 219 horas estruturais.
- Modificación das regras de cálculo do valor da hora extraordinaria, e que ata a data era manifestamente inferior ao da hora ordinaria de traballo. Definitivamente, este acordo pon fin a distintos debates sindicais e procesuais, de xeito que o prezo da hora extraordinaria de traballo vai ser igual que o valor da hora ordinaria. Logro do que non so se verán beneficiados os bombeiros municipais senón, por extensión, todas as persoas traballadoras desta administración (persoal funcionario e persoal laboral, indistintamente).
- Compromiso de implantar un plan temporal de reforzos voluntarios para garantir a seguridade persoal do persoal do SPEIS consonte ao número de efectivos mínimos establecido para cada retén. En definitiva, trátase de garantir a seguridade pública na prestación do servizo en tanto non se cubran as prazas proxectadas de nova creación. Esta medida, de natureza esencialmente temporal, ten por obxecto paliar o déficit estrutural de plantilla durante o tempo que medie para a incorporación do persoal de novo ingreso unha vez resulten creadas nos orzamentos as novas prazas previstas neste acordo negociado e se inclúan nas ofertas de emprego. Coa aplicación deste
programa facilitarase igualmente que o persoal do SPEIS poida desfrutar debidamente dos seus dereitos ás vacacións anuais regulamentarias e días de asuntos propios legalmente recoñecidos.
- Asemade, nesa Mesa xeral de negociación alcanzamos o compromiso institucional de axilizar e priorizar a tramitación das Ofertas de emprego público (OEP) que afecten a prazas do SPEIS, e de incluír, nas vindeiras OEPs e de acordo co principio de anualidade das convocatorias, as prazas de nova creación, cubríndoas incluso con interinaxes a medida que se vaian xerando listas de reserva. Tamén se asumiu o compromiso institucional de realizar o pagamento, no prazo máximo de seis meses, dos emolumentos debidos ao persoal do SPEIS con cargo á partida de gratificacións por servizos extraordinarios.
Negociar, mal que lle pese a algúns, non é redactar cartas os reis Magos carentes de cobertura legal e orzamentaria. A negociación colectiva no ámbito da función pública réxese polo principio de legalidade substantiva e presupostaria, principios de actuación que todo delegado sindical responsable ten o deber de coñecer. E, a diferencia doutras ocorrentes e xeniais iniciativas sindicais, os acordos acadados o pasado 25 de xuño de 2024 contan cos informes técnicos de rigor, avaliando a súa viabilidade e acomodación a Dereito.
Pois ben. A pesar destas incuestionables melloras, o proceso de negociación tentou ser inxustificadamente bombardeado por certas voces sindicais, utilizando, para tal espuria finalidade, medidas de presión de moi cuestionable ética sindical. Por non falar das innumerables e tendenciosas informacións que, de maneira inveraz e alarmista, lle foron trasladadas, por esas voces disonantes, tanto ao persoal do SPEIS como aos medios de prensa. E todo isto nun denodado intento por rebentar o proceso negociador e desacreditar ás tres forzas sindicais asinantes deste documento baixo escuros fins que imos sacar á luz.
O mais paradoxal, o patético (incluso) do caso, e que esa indecente labor de oposición sindical realízase por forzas sindicais que, no seu día, consensuaron aquel acordo intersindical de 26 de agosto de 2020, acordo que agora, felizmente, veu a luz nas súas primeiras fases.
A explicación a este inefable comportamento sindical non hai que buscalo nas propias forzas sindicais disonantes (respecto das que amosamos todo o noso respecto e consideración xa que sempre amosaron un incuestionable compromiso sindical coa xeración de emprego público), senón coa actitude egoísta dalgúns dos seus delegados, e que creron ver comprometida, coa sinatura do acordo da Mesa de negociación, unha vella aspiración retributiva dos bombeiros (e dicir, pase ao grupo de titulación C1 de titulación), xa que, segundo o seu particular entender, como consecuencia do gasto público que irá ineludiblemente asociado á creación de novas prazas de plantilla e á implantación dun programa temporal de reforzos podería verse esquecida, no caixón dos recordos, esa reivindicación retributiva.
Esa defensa gremial dos intereses económicos dos bombeiros de carreira (e dicir, dos que xa contan con praza fixa), así canalizada por aquelas voces disonantes á negociación, resposta a un mal entendido “corporativismo”, como veremos.
A lexítima aspiración dunha carreira profesional deste colectivo é unha reivindicación loable, e que todas as forzas sindicais temos defendido en moitas ocasións (de feito, así ven plasmada naquel documento intersindical de 26 de agosto de 2020). Pero esa reivindicación estaba relegada, de común acordo, á consecución dos primeiros obxectivos da negociación plasmados naquel acordo de 26 de agosto de 2020 e segundo a propia calendarización de prioridades xa pactada.
As forzas sindicais subscribintes dos acordos conseguidos nesa Mesa xeral de negociación de 25 de xuño, por tanto, fomos fieis aos acordos intersindicais previos de agosto de 2020, pero non así as voces disonantes que están contrariando non so eses acordos previos, senón os propios principios reitores que inspiran o funcionamento dos seus respectivos sindicatos, e que historicamente levan anos comprometidos coa xeración dun emprego público de calidade.
A defensa do actual persoal interino do SPEIS, así como das aspiracións dos centos de opositores que levan anos preparándose para acadar unha praza en propiedade de bombeiro, merece, cando menos, unha consideración. A axilización das ofertas de emprego pendentes e a creación de novas prazas -compromisos expresamente acadados na Mesa de negociación de 25 de xuño-, serven a esa finalidade, a diferencia doutras estratexias sindicais (lexitimas, pero non compartidas por nos), unicamente orientadas á mera captación de follas de afiliación dentro do colectivo de interinos e sempre de cara ás eleccións sindicais.
Vergoña allea e noxo nos provocou ler certas noticias recollidas nos medios de prensa, coma a recollida na voz de Galicia o pasado 25 de xuño deste ano, na que, por fin, algúns dos interlocutores sindicais que se dirixiron a ese medio de difusión quitáronse, finalmente, a careta. Os mesmos delegados sindicais que estiveron criticando, de maneira mendaz e obsesiva, a negociación colectiva acadada. Porque, a crave destas pretendidas diferencias sindicais, o quid daquela oposición frontal á celebración da Mesa de negociación por parte dalgúns, pivotou lamentablemente nunha cuestión eminentemente crematística, tal e como asi nos foi abertamente exposta por algúns afiliados e simpatizantes da CUT na derradeira asemblea de traballadores do SPEIS: a equiparación salarial dos bombeiros de Vigo ao grupo C1 de titulación. Dito en termos literais por algúns daqueles traballadores participantes na asemblea, “¿ca/ é o beneficio económico que sacamos os bombeiros deste acordo?” (sic). Resumindo, estamos en presenza do vello dilema de sempre: Suba salarial dos funcionarios que xa teñen praza en propiedade versus creación de emprego público. E fin do conto, porque todas as demais “obxeccións” e criticas ao acordo non deixan de ser meras escusas para esconder aquela pretensión retributiva, distraendo á opinión pública con mensaxes catastrofistas.
Reste concluir este comunicado expresando a nosa valoración positiva verbo do esforzo orzamentario que este goberno local acometerá para garantir a correcta implantación das medidas organizativas consensuadas naquela Mesa de negociación.