- Moaña pasará a integrar a listaxe de concellos con medidas especias desde as 00:00h
- Deste esta medianoite os concellos de Trazo, Boqueixón, Val do Dubra, Verín, Amoeiro, Coles, Monforte e Campo Lameiro volverán ao nivel 2 de restricións
- O Comité clínico vixiará dun xeito especial a evolución epidemiolóxica das localidades de Ribeira, Petín, A Rúa, Dumbría e A Lama
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá das derradeiras medidas acordadas polo comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia, e na que se decidiu incorporar ao concello de Moaña á listaxe de concellos galegos con medidas especiais.
Na compaña do xerente do Sergas, José Flores; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o membro do Comité clínico, Pedro Rascado, o responsable da carteira sanitaria galega tamén anunciou o levantamento das restricións en oitos concellos galegos, nomeadamente, Trazo, Boqueixón, Val do Dubra, Verín, Amoeiro, Coles, Monforte e Campo Lameiro.
Así mesmo, subliñou que os derradeiros datos da covid-19 nas localidades de Ribeira, Petín, A Rúa, Dumbría e A Lama, motivaron ao grupo de expertos a establecer unha vixilancia especial sobre a evolución epidemiolóxica destes cinco concellos, malia non acordar, polo de agora, novas medidas para os mesmos.
Garcia Comesaña remarcou que a situación epidemiolóxica en Galicia está a estabilizarse, mais incidiu en que é preciso seguir a cumprir as medidas hixiénico-sanitarias vixentes. Neste senso, aclarou que se as medidas se cumpren dun xeito estrito, as restricións diminuirán, tal e como acontecerá desde esta medianoite, nos oito concellos que pasarán ao nivel 2.
No que atinxe a presión asistencial, o xerente do Sergas, José Flores, salientou que os datos actuais deben ser analizados con prudencia, apelando asemade á responsabilidade individual para continuar mellorando os datos no centros sanitarios galegos. Neste sentido, Flores destacou que a ocupación media das unidades de hospitalización en Galicia descendeu nun 11% durante os últimos 7 días, e nun 3% no referente as camas de críticos.
Respecto da incidencia acumulada nos municipios galegos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, detallou que a tendencia na nosa comunidade segue amosándose “estable con certa tendencia á baixa”, apuntando que esta se sitúa en 275 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, e en 134’80, nas últimas 7 xornadas.
Pola súa banda, os membros do comité clínico, Pedro Rascado, Marina Varela e María Sande, lembraron que é preciso manter unha actitude prudente e cumprir as medidas de contención do virus, poñendo especial énfase na protección das persoas máis vulnerables.