· A presidenta do PP de Vigo pon de relevo as queixas do cadro de persoal da empresa e subliña que “a degradación e precariedade son unha marca inequívoca do PSOE, tanto na cidade de Vigo como no resto de España”
· “Desbloquear a licitación e aportar seguridade xurídica é agora mesmo o máis importante e debería ser unha prioridade”, aseverou a líder popular, que lembrou que o contrato público ascende a 470 millóns de euros
A presidenta do Partido Popular de Vigo, Luisa Sánchez, instou a Abel Caballero a informar sobre a suspensión da licitación do contrato do transporte urbano ante as denuncias do comité de persoal de que se produciu un aumento da precariedade e da degradación do servizo pola negativa da concesionaria a realizar melloras, precisamente escudándose nesa situación de incerteza na que se atopa o proceso. “Desbloquear a licitación e aportar seguridade xurídica é agora mesmo o máis importante e debería ser unha prioridade para dar certezas ás empresas, aos traballadores e aos usuarios”, aseverou.
“A degradación e precariedade son unha marca do PSOE, tanto na cidade de Vigo como no resto de España”, subliñou a dirixente popular, que puxo de relevo que a “desidia” do goberno local se evidencia tanto na falta de mantemento das infraestruturas como na ausencia de control das concesionarias.
Agora, mes e medio despois de suspenderse a licitación do concurso trala denuncia de supostos indicios de prácticas colusorias, o goberno local segue gardando “un sospeitoso e irresponsable silencio”, remarcou Luisa Sánchez.
“Esta situación de incerteza non só sementa sospeitas sobre o proceso para a adxudicación da maior concesión deste Concello, un contrato millonario que ascende a nada menos que 470 millóns de euros para os próximos dez anos, senón que tamén repercute no servizo diario”, manifestou Luisa Sánchez, quen fixo referencia ás queixas transmitidas esta semana polo comité de persoal.
Así, os traballadores denuncian o aumento da “precariedade e degradación do servizo ante a negativa da concesionaria a establecer melloras escudándose,
precisamente, na situación de impás que vive o contrato”, remarcou a portavoz do grupo municipal.
A concesión, de feito, agora mesmo está nunha prórroga forzosa por un período máximo de dous anos que vence en xuño do 2027. “Non sabemos que é o que vai a pasar a partir de entón, e temos dereito a sabelo”, insistiu.
Dende a suspensión do contrato, anunciada o 28 de setembro, o PP de Vigo esixiu a comparecencia pública e no pleno do concelleiro Javier Pardo para dar explicacións. “Fronte a súa obriga política de dar explicacións ante os vigueses, lamentablemente o alcalde opta en todo este tempo por agocharse e obviar no posible este asunto, chegando incluso a vetar a comparecencia no pleno do edil responsable”, apuntou. “Por que ten medo a dicir o que está pasando? Acaso ten algo que esconder?”, preguntou Luisa Sánchez, que considera que “fan falla explicacións, e cada día que pasa, de xeito máis urxente”.
“Dende o Partido Popular instamos ao Concello a que abandone a súa actitude temeraria e se tome en serio o transporte urbano de Vigo”, esixiu Luisa Sánchez, que cualificou de “auténtico desastre” a xestión política deste servizo fundamental durante todos estes anos en mans do PSOE de Caballero.
