― Esta iniciativa forma parte da estratexia da Xunta de promoción da saúde e prevención das adiccións e pretende ser un modelo de boas prácticas extrapolable a outras zonas con necesidades similares
― Desenvolverase un proxecto de saúde comunitaria no barrio de Teis, a través da prevención das condutas adictivas en contextos escolares e sociais, e a promoción da saúde integral
― O enfoque formulado pola Asociación Plan Comunitario de Teis constitúe unha proposta singular e innovadora baseada nun modelo de intervención que implica a sociedade civil, a administración sanitaria e a educativa
― Este Plan comunitario 2025-2028 ten como destinatarios a poboación infanto-xuvenil dos centros educativos de Teis; as familias, asociacións de nais e pais; o persoal docente, sanitario e técnico de servizos sociais e as entidades sociais, deportivas e culturais do barrio
― O financiamento plurianual desta medida permitirá consolidar equipos profesionais estables e asegurar a continuidade das intervencións, nunha aposta clara por políticas públicas con impacto sustentable
A Xunta investirá 180.000 euros para financiar un Plan comunitario de saúde no barrio de Teis, en Vigo, en virtude dun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e a Asociación Plan Comunitario de Teis para o período 2025-2028 que hoxe autorizou o Executivo galego.
O Plan, pioneiro na provincia de Pontevedra e coordinado pola Consellería de Sanidade, forma parte da estratexia de promoción da saúde e prevención das adiccións e pretende ser un modelo de boas prácticas extrapolable a outras zonas con necesidades similares.
O obxectivo é desenvolver un proxecto de saúde comunitaria co obxectivo de mellorar o benestar emocional e a saúde da poboación infanto-xuvenil do barrio, a través da prevención das condutas adictivas e a promoción da saúde integral.
O financiamento plurianual desta medida que prevé o convenio de colaboración permitirá consolidar equipos profesionais estables e asegurar a continuidade das intervencións, nunha aposta clara por políticas públicas con impacto sustentable.
O enfoque formulado pola Asociación Plan Comunitario de Teis constitúe unha proposta singular e innovadora baseada nun modelo de intervención que implica de xeito articulado a sociedade civil, a administración sanitaria e a educativa, así como o conxunto de axentes do territorio.
Mediante esta colaboración, preténdense diagnosticar as necesidades e os recursos comunitarios; crear estruturas de participación; fomentar a formación en saúde e auto coidado en contextos
educativos e sociais centrándose na prevención de condutas adictivas; e activar e optimizar os recursos existentes, á vez que se fomentan redes comunitarias de apoio.
O proxecto que se vai desenvolver no barrio de Teis, que, polas súas características urbanísticas, sociais, económicas e ambientais, é de especial vulnerabilidade, baséase na metodoloxía comunitaria participativa que integra profesionais da saúde, educación, servizos sociais e entidades veciñais.
Poboación destinataria
Este Plan Comunitario 2025-2028 ten como destinatarios a poboación infanto-xuvenil dos centros educativos de Teis; as familias, asociacións de nais e pais; o persoal docente, sanitario e técnico de servizos sociais e as entidades sociais, deportivas e culturais do barrio.
Establécese unha estrutura operativa formada por comisións e comités especializados que implica toda a rede veciñal e profesional do barrio, para garantir a implicación da comunidade e unha intervención transversal e sustentada.
Deste xeito, entre as comisións que se constituirán están a de saúde e educación, integrada por centros educativos e entidades sociais e sanitarias, para coordinar e facer seguimento das accións neste punto; a de ocio e tempo libre, formada por colectivos deportivos, culturais e sociais para planificar actividades lúdicas e deportivas; e a comisión de urbanismo e ambiente, formada por asociacións veciñais, ambientais e cidadanía, que debaterá e proporá accións urbanísticas e medioambientais para mellorar o barrio.
Entre os comités que se constituirán están o de interANPAS, para a formación e implicación das familias en accións de prevención e saúde; o comité técnico, constituído por profesionais de servizos públicos e entidades sociais para a difusión de información e sensibilización; o de saúde, formado por profesionais sanitarios e centros educativos para implementar accións de promoción da saúde comunitaria; e, ademais, o de colectivos, integrado por colectivos veciñais, deportivos, culturais e ambientais, para a execución de accións comunitarias preventivas.
