Vigo, Galicia
General Vigo

Rehabilitación cardíaca organiza un encuentro con pacientes

A Unidade de Rehabilitación Cardíaca do servizo de Cardioloxía e a Asociación de pacientes cardiópatas da área sur de Galicia vanse dar cita o próximo sábado no Álvaro Cunqueiro

Esta Unidade, que o próximo mes cumprirá 6 anos de funcionamento, ocúpase da recuperación integral dos pacientes que sufriron unha patoloxía cardíaca aguda

Neste tempo leva atendidos a máis de 900 pacientes nos diferentes programas individualizados, activos e educacionais

Nos próximos meses a Unidade estreará unha nova área, na que se investirán preto de 500.000 euros, e dotará a este servizo dun espazo máis amplo e dimensionado

A Unidade de Rehabilitación Cardíaca do servizo de Cardioloxía e a Asociación de pacientes cardiópatas da área sur de Galicia-Sur Sum Cor organizan unha xuntanza para o próximo sábado día 14 no hospital Álvaro Cunqueiro.

Trátase do 2º Encontro entre pacientes e profesionais, que nace da sensibilidade existente por parte dos profesionais na información e formación dos doentes xa que, segundo explica a xefa desta Unidade, Marisol Bravo, “un paciente formado participa activamente no control da súa patoloxía e do seu tratamento, cos efectos positivos que iso ten no manexo da súa enfermidade”.

Así, o programa a desenvolver nesta xornada presenta unha serie de actividades moi variadas. Ademais dun relatorio sobre a situación actual da rehabilitación cardíaca e outro sobre a actualidade da asociación de pacientes, terá lugar unha sesión interactiva entre pacientes e profesionais. Nesta charla, cun formato pregunta/resposta se abordarán as preguntas máis frecuentes e dúbidas dos pacientes tras un episodio cardíaco.

Tamén haberá actividades prácticas como un obradoiro de Reanimación cardiopulmonar, e finalizará cunha andaina pola senda biosaudable en torno ao Hospital.

Programa individualizado para cada paciente

A Unidade de Rehabilitación Cardíaca da Área Sanitaria de Vigo, que cumprirá no próximo mes de febreiro 6 anos de funcionamento, ocúpase da recuperación integral dos pacientes que sufriron unha patoloxía cardíaca aguda, ben un infarto ou unha intervención coronaria.

A Unidade consta dun equipo interdisciplinar de profesionais que, xuntos, deseñan programas individualizados para a recuperación de cada paciente, no que se lles recomenda unha dieta alimentaria, uns determinados comportamentos e hábitos de vida, ademais do tratamento específico pautado. Neste plan inclúese a realización dunha serie de exercicios de adestramento coas máquinas do ximnasio que funcionan na propia Unidade. Uns esforzos físicos que están monitorizados en todo momento, para comprobar a evolución das súas constantes.

No equipo traballan de xeito coordinado: cardióloga, enfermeira, fisioterapeutas, médica rehabilitadora, psicóloga, nutricionista, farmacéutica, traballadora social e urólogo. Cada un dos profesionais ten un cometido, segundo as necesidades de cada doente.

“Desenvolvemos programas de rehabilitación cardíaca híbridos, que inclúen valoración presencial, seguimento estreito e formato educativo virtual. Estos programas teñen por finalidade reducir o risco de mortalidade, re-infarto e rehospitalizacion, así como optimizar o control de factores de risco cardiovascular, e axilizar a reincorporación a vida habitual e laboral nas mellores condicións”.

Ademais, realízase unha importante labor formativa con determinados enfermos que presentan unhas características concretas, na procura do “Paciente Experto”, co obxecto de que preste axuda aos seus compañeiros á hora de resolver dúbidas ou de acompañarlles en exercicios físicos.

Nestes 6 anos levan atendidos a máis de 900 pacientes nos diferentes programas individualizados, dos cales 400 foron programas activos completos e 500 programas educativos.

Nova área de Rehabilitación cardíaca

Ante o volume de pacientes que sofren un ingreso ou unha cirurxía derivadas de cardiopatías, desenvolveuse un plan funcional para dotar a esta área dun novo espazo, máis amplo e mellor dimensionado.

Así, a nova infraestrutura vaise estruturar en catro zoas: a de exercicio físico de pacientes, cun completo ximnasio monitorizado; a de vestiarios, con duchas e aseos; a de consultas e a área administrativa e de reunións do equipo.

Nas próximas semanas vaise licitar as obras, que terán un orzamento de preto de 500.000 euros.

Deja una respuesta