A cidade olívica foi, no pasado ano, o municipio con maior número de doazóns de Galicia, acadando un total de 13.950
A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), convida a todos os vigueses e viguesas a participar activamente na campaña de doazón de sangue que acolle hoxe, mércores 3 de maio, o Hospital Álvaro Cunqueiro.
ADOS e a xerencia do Hospital Álvaro Cunqueiro desexan facilitar o acceso a este xesto solidario dos profesionais deste centro sanitario, colectivo que ten plena consciencia da necesidade das doazóns de sangue para desenvolver axeitadamente o seu labor e que amosan, día tras día, o seu compromiso e bo facer no sistema público de saúde de Galicia.
Iniciativa aberta
Unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará hoxe diante da entrada principal, planta 0, do Hospital Álvaro Cunqueiro das 9:30 ás 14:30 horas, para atender a todos os cidadáns que desexen doar, especialmente aos profesionais e usuarios que acudan ao longo da maña ata este centro hospitalario.
Ademais, nas xornadas previas a esta visita, realizouse unha intensa campaña de información sobre este xesto solidario co obxectivo de incentivar a participación dos profesionais.
Concello solidario
A cidade de Vigo situouse o pasado ano como o municipio galego con maior número de doazóns de sangue, cunha cifra de 13.950 doazóns, o que representa unha taxa de 48 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Esta porcentaxe sitúase oito puntos por riba da media galega.
ADOS amosa o seu sincero agradecemento aos profesionais e á dirección do hospital, polo seu compromiso co solidario xesto da doazón de sangue, sendo un centro que se ten caracterizado, desde a súa inauguración, pola súa implicación no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue.