portavoz nacional, Ana Pontón, elixiu o monumento a Rosalía de Castro na Alameda compostelá para enviar a súa mensaxe de fin de ano. Mensaxe que aproveitou para agradecer o apoio recibido nas pasadas eleccións do 18F e ratificar o seu compromiso de seguir traballando sen descanso para construír unha Galiza mellor, aportando solucións aos problemas que impactan na vidas das persoas, porque esa é a verdadeira función e o verdadeiro valor da política.
“Quero empezar por darvos as grazas, grazas de corazón pola vosa confianza e polo voso apoio que nos permite ter máis forza que nunca para traballar por unha Galiza mellor, onde podamos facer realidade os nosos soños”, explicou en relación ao resultado electoral das autonómica, nas que un de cada tres galegos e galegas escolleron ao BNG.
Pontón destaca na súa mensaxe a Galiza en grande pola que pelexa cada día, “feminista e de mulleres libres e iguais, como a que defendía Rosalía, que nos deixou como legado a súa poesía universal en galego. Igual que ela, sei que compartimos un profundo amor pola nosa lingua, a que herdamos das nosas nais e queremos legar ós nosos fillos e netas. Non imos permitir que ninguén nos roube o noso idioma”, recalca, en relación á crítica situación que vive a propia lingua.
A líder do BNG declara o seu “profundo orgullo” de ser galega, “de formar parte deste pobo de xente honesta e traballadora que loita polo que é xusto”, como a sanidade e a educación públicas, unha vellez digna para as persoas maiores nas súas casas ou o dereito da xente moza a facer realidade os seus proxectos de vida.
“Síntome orgullosa de formar parte dunha cidadanía que pelexa polo seu futuro, como vimos estes días cando milleiros de persoa nos unimos contra esa bomba ambiental que nos queren colocar no corazón de Galiza”, destacou, facendo mención a histórica manifestación celebrada en Santiago en contra da macrocelulosa de ALTRI.
“Estou con vós, porque as vosas vidas son moito máis importantes que calquera multinacional e porque as futuras xeracións merecen que coidemos o noso territorio e o medio ambiente”, proclama a portavoz nacional na súa mensaxe de fin de ano.
Pontón destaca que son moitas as dificultades ás que cada día se enfronta a maioría social: salarios que cada vez dan para menos; o custe da vida e o prezo da vivenda disparados; as listas de espera na sanidade que non deixan de medrar, con miles de
nenos e nenas sen pediatra ou as familias preocupadas polos coidados dos seus maiores, enumerou a modo de exemplos.
“Quero dicirvos que non vou escatimar esforzos para aportar solucións, desde a humildade pero coa máxima ambición, porque para iso debe servir a política, para construír unha Galiza mellor que poña ás persoas no centro”, subliñou. Unha Galiza diversa e plural “na que cada quen poida amar e ser o que queira ser; que fomente o talento dos nosos creadores e creadoras, a mellor carta de presentación no mundo”.
Unha Galiza que aposte pola ciencia e o coñecemento, “que siga demostrando do que somos capaces”, logrando fitos que nos fagan avanzar dentro e fóra das nosas fronteiras, “porque somos un pobo ao que ningunha causa xusta nos é allea, por iso dicimos da Terra ao mar, Palestina vencerá; por iso defendemos a paz e o respecto para todos os pobos do mundo, que teñen dereito a decidir libremente o seu destino”.
“Son moitos os retos, pero tedes o meu compromiso de que vou dar o mellor de min para estar a vosa altura, teño como exemplo a Rosalía e a todas as mulleres que nos ensinaron a avanzar, paso a paso, sen renderse nunca”, concluíu, desexando un feliz 2025 para todos e todas.
