A coalición de Podemos-Marea de Vigo considera que PP e PSOE amosaron permanentemente que destrozaron económicamente e políticamente e en capacidade de xestión á entidade e urxe recuperar a dignificación dun instrumento municipalista único na cidade.
A coalición de Podemos e Marea de Vigo presentou hoxe en Bembrive á súa candidata a alcaldía da pedanía, Ángeles Fernández Freire, que reside na parroquia dende 1971 dende onde colabora con diversos colectivos sociais e veciñais. Traballa como comercial unha empresa industrial da cidade. A candidata, que figurará como independente na lista da coalición, significou a necesidade de recuperar valores de democracia, convivencia política e transparencia na entidade así como “a dignidade de Bembrive como parroquia, a dignidade da nosa ELM”
Rubén Pérez, candidato de Podemos-Marea de Vigo á alcaldía de Vigo e Meli Vázquez, número 2 da lista, coincidiron en sinalar a importancia de manter e dignificar a existencia dunha entidade local menor, que ademáis pode e ten que ser un motor económico e social de Bembrive e que ten que ter como funcionamento primordial o interese xeral.
“As entidades locais menores son un verdadeiro instrumento de participación social e de xestión municipalista que ten que conservarse. Son autónomos e capaces, e somentes as xestións políticas neglixentes e, como veñen de amosar os xulgados, corruptas fan que acaben sendo focos de sospeitas ou de mala xestión económica. A nosa candidatura ven para emendar isto e voltar recuperar Bembrive e a súa entidade local menor para o pobo.” Sinala Rubén Pérez.
A coalición, en palabras da candidata á pedanía, vai defender un modelo de facer política ”comprometida sobre todo co medio no que vivo, defensor dos valores que se me inculcaron; creo na palabra, no respecto, nas persoas, e conservo a esencia da vila que me viu medrar, na que coa unión dos veciños se construíron casas, sementáronse e colleitáronse espazos rurais. Vivíno de primeira man como moitos de vós e paréceme un gran tesouro ter tido un privilexio tan enriquecedor”
Nestes días a candidata manterá xuntanzas cos colectivos sociais, culturais, deportivos e de xestión do Monte Comunal da parroquia para ir debullando as propostas políticas e o programa participativo co que queremos construir ese propósito de rexeneración que Bembrive precisa con urxencia.
