Vigo, Galicia
General Portada

O BNG de Vigo denuncia graves eivas e atrasos na tramitación do Ingreso Mínimo Vital

  • A fronte nacionalista crítica a “violencia burocrática” que se está a exercer contra persoas empobrecidas e urxiu a axilizar a tramitación das axudas.
  • Xabier P. Igrexas: “Oito de cada dez solicitudes seguen sen atender. De nada serve recoller dereitos no BOE se despois non se fan realidade”

O Bloque Nacionalista Galego denunciou esta mañá en Vigo as «graves eivas» na tramitación das solicitudes do Ingreso Mínimo Vital (IMV). En rolda de prensa, o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, criticou «a violencia burocrática» no que cualificou de «xestión desastrosa».

Igrexas subliñou que na cidade hai, segundo o índice Arope, máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza. Neste contexto, agravado polos graves efectos sociais da crise derivada da pandemia do coronavirus, xulgou inaceptábel a elevada demora na tramitación do IMV e os erros na súa resolución.

Nos últimos datos oficiais dispoñíbeis, do 19 de outubro do 2020, na provincia de Pontevedra realizaranse 13.194 solicitudes do IMV, das que se estima preto da metade corresponderían á cidade de Vigo. Destas máis de 13 mil demandas unicamente se resolveron 2.320. «Oito de cada dez solicitudes seguen sen atender, o que é o mesmo que dicir que oito de cada dez persoas que precisan unha axuda social de emerxencia segue a esperar por recibila», afirmou Igrexas.

Aliás, o portavoz municipal nacionalista asegurou que a escasa tramitación está verificada no cativo descenso no número de persoas beneficiarias da Risga. «O Ingreso Mínimo Vital debera permitir superar a Risga, pero vemos como en Vigo pasamos de preto de 2.500 perceptoras da renda galega a 2.155. Isto é, que só 350 viguesas e vigueses pasaron da Risga ao IMV», explicou.

Desde o Bloque defenden que para que o IMV sexa «unha ferramenta útil para as persoas empobrecidas e en situación de exclusión social é preciso que se despreguen medidas que garantan a súa eficacia». «De nada serve recoller dereitos no BOE se despois non se fan realidade», reprochan reclamando que aumenten os medios materiais e humanos para axilizar a tramitación das axudas.

Despois de cualificar de «verdadeiro desastre de xestión dunha axuda que é máis necesaria do que nunca», Igrexas lamentou as expectativas frustradas das persoas que a solicitaron. Neste sentido, denunciou a «violencia burocrática» que se está exercendo contra os colectivos máis vulnerábeis na tramitación do IMV. Unha «violencia» que, segundo argumentou, se manifesta en forma nunha «demora case eterna na resposta á solicitude dos recursos», na emisión de resolucións incorrectas, con persoas que perciben a metade do que lles correspondería, e na denegación «inxustificada» do IMV por causas subsánabeis. «Para o BNG é inconcibíbel que se denegue o acceso a unha axuda social de emerxencia como o IMV polo feito, por exemplo, de que unha das persoas da unidade familiar non figure inscrita como demandante de emprego. En calquera procedemento administrativo cabe a subsanación de erros, non entenedmos porque aquí se opta polo carpetazo», lamentou.

O BNG de Vigo vai dar traslado desta situación, que afecta de maneira moi especial á cidade, ao deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, cun duplo obxectivo. Dunha banda, demandar transparencia, solicitando que se fagan públicos os datos reais da tramitación do IMV desagregados por concellos. E por outra, urxindo o Goberno español de coligazón entre PSOE e Unidas Podemos a adoptar as medidas «organizativas ou normativas necesarias» para corrixir esta situación e facilitar o acceso ao IMV ás moitas persoas que o precisan.

Erro nas contías

Canda Igrexas compareceu a veciña, Consuelo Lago, que fai parte activa dos movementos sociais da cidade e que é actualmente beneficiaria do IMV. Lago denunciou publicamente que percibe 455 euros cando pola súa situación, como nai dunha familia numerosa monoparental, lle deberían corresponder 975 euros.

Lago chamou o Goberno español a escoitar as persoas demandantes da IMV e a actuar para corrixir as deficiencias que hai na tramitación e que afectan de maneira grave a familias que necesitan axuda para poder subsistir.  “Despois de nove meses merecemos unha reposta”, remachou.

Tampouco se están a actualizar as contías que foron fixadas tendo en conta os ingresos declarados en 2019 a pesar de que a situación económica do 2020 foi para moitas das beneficiarias moito peor.

Deja una respuesta