O Bloque Nacionalista Galego criticou o papel “ornamental” e “burocrático” que o Goberno municipal de Vigo volveu outorgarlle ao Consello Social da Cidade no proceso de elaboración da proposta de orzamentos municipais para o vindeiro ano. A fronte nacionalista insta a un cambio de modelo que permita avanzar cara a unha democracia máis participativa a nivel municipal.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que o Consello Social, que se reuniu este venres, é o máximo organismo consultivo do concello de Vigo e do que fan partes as entidades máis representativas dos diferentes sectores que compoñen a vida social e económica da nosa cidade.
Igrexas lamentou que por segundo ano consecutivo o alcalde decidise por sectarismo excluír desta xuntanza ao BNG, “deixando sen voz ás 8.500 viguesas e vigueses” que o fixeron concelleiro. No entanto, o portavoz municipal nacionalista afirmou que “o verdadeiramente grave e preocupante é que, máis unha vez, o Consello Social da Cidade acabou tendo un papel meramente formal”.
“Non ten sentido convocar o Consello Social como un trámite burocrático. Non é aceptábel que as entidades que fan parte deste organismo, como as tres principais centrais sindicais ou o movemento veciñal, teñan un papel de convidadas de pedra, un papel ornamental”, criticou Igrexas poñendo o foco en que nesa xuntanza non se puido recoller ningunha proposta ou achega que alterase en nada o proxecto orzamentario. “A pesar de que as contas de 2021 van ser máis importantes do que nunca, polo contexto de pandemia, volvemos ter uns orzamentos elaborados polo PSOE tendo en conta só a opinión do PSOE”, remachou.
Cambio de modelo
Emporiso, o BNG defende que é momento de avanzar cara a unha democracia municipal efectiva e real, que esixe diálogo e participación. “Os consellos sectoriais e consultivos teñen que deixar de ser espazos ornamentais e burocráticos para se converteren en verdadeiros instrumentos para a participación cidadá, en espazos de codecisión que poidan incidir de maneira efectiva nas políticas”, sostén Igrexas.
“Neste contexto é fundamental contar con todas e con todos, sumar ideas, esforzos e vontades, e iso esixe diálogo. Esixe unha escoita real e honesta. Non se trata só de deixar falar senón de dar a posibilidade de que o que se traslade polos colectivos e movementos sociais poida converterse en realidade”, reclaman.