- A fronte nacionalista mantivo un encontro telemático coa Asociación de Galega Consumidoras/es e Usuarias/os (Acouga), na que coincidiron nas súas críticas cara o novo recibo da auga.
- Acouga anunciou que presentará unha alegación contra a modificación aprobada polo Goberno municipal e non descarta emprender outras accións pola vía administrativa ou xudicial.
- O Bloque iniciou onte unha campaña de denuncia nas redes sociais baixo o lema “Nova tarifa da auga en Vigo? Mesma estafa!”.
A poucos días de que conclúa o prazo aberto de alegacións cidadás á modificación da tarifa do servizo de abastecemento da auga e saneamento do Concello de Vigo, o Bloque Nacionalista Galego mantivo un encontro coa Asociación Galega de Consumidores/as e Usuarias/os (Acouga), na que puxeron en común a valoración do novo recibo.
Na xuntanza, que se desenvolveu en formato telemático, tomaron parte Xoán Antón Pérez Lema, avogado e secretario xeral de Acouga, e mais o portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas. Ambos os dous cadraron en criticar a modificación aprobada inicialmente no Pleno do 30 de setembro con apenas os votos do PSOE.
Igrexas cualificou de “estafa e burla á histórica reivindicación veciñal” o novo sistema tarifario. “Non haberá cobro por consumo real, porque se incrementan nun +276% as cotas fixas para usuarios e usuarias domésticas e que representarán máis do 80% do recibo. Tampouco se producirá un aforro real, xa que para consumos de menos de 6m3 ao mes só habería unha rebaixa de 55 céntimos na factura”, explicou. O edil nacionalista lembrou que os propios informes municipais recollían a previsión de que coa nova tarifa a recadación será a mesma. “En resumo, o grande cambio que patrocina Caballero, suporá pagar o mesmo por menos consumo”, asegurou.
Pola súa parte, Pérez Lema expresou a súa coincidencia coa emenda formulada polo BNG e que foi rexeitada polo grupo de Goberno e advertiu de que para alén da “inxustiza” en termos sociais do novo recibo esta estrutura tarifaría podería resultar ilegal ao incumprir o recollido na Directiva Europea da Auga. Neste sentido, Acouga anunciou que presentarán unha alegación en contra da modificación aprobada e non descartan emprender outras accións pola vía administrativa ou xudicial. “Non vai haber un cobro por consumo real e pola contra aumentan de maneira moi importante as cotas de servizo”, denuncia.
Campaña de denuncia nas redes
O Bloque Nacionalista Galego iniciou onte unha campaña informativa e de denuncia a través das redes sociais. Baixo o lema “Nova tarifa da auga en Vigo? Mesma estafa!”, o Bloque divulgará diferentes materiais explicativos en formato dixital e un microvídeo “desmontando a propaganda e deixando en evidencia o calote que suporá o novo recibo”, explican. As publicacións desta campaña nos perfís do BNG de Vigo nas redes sociais Facebook, Twitter e Instagram xa superaron as 8.300 visualizacións en apenas 24 horas.
Aliás, a fronte nacionalista fixo público na súa web (www.vigo.bng.gal) un modelo de alegación e anima ao conxunto da veciñanza a rexistralas para facer constar o descontento social.