- A alcaldesa de Mos informa do arquivo das denuncias á Cidade Deportiva do Celta en Pereiras cando vai facer un ano da primeira pedra
Cando se aproxima a data do primeiro aniversario da primeira pedra da Cidade Deportiva en Mos, que tivo lugar o 30 de novembro do ano pasado, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifesta novamente o seu firme apoio a este proxecto “porque defendo os intereses de Mos e porque nos tempos que corren, de crise sanitaria e económica por mor da COVID-19, é máis necesario que nunca xerar riqueza e postos de traballo no municipio”, declarou firme a alcaldesa.
Ademais a rexedora local mosense informou de que “as obras das instalacións deportivas na parroquia de Pereiras están moi avanzadas e en moi pouco tempo, cuestión de días, os xogadores do Celta estarán xa adestrando alí”.
Arévalo foi moi clara tamén respecto das accións legais emprendidas contra a Cidade Deportiva en Pereiras, tanto pola Comunidade de Montes de Tameiga como por un apéndice da mesma, Ecoloxistas en Acción, e lembrou que o proxecto está amparado e avalado por 2 arquivos ás súas denuncias, un por parte da Fiscalía e outro por parte da APLU (Axencia Galega pola Legalidade Urbanística); sendo este o máis recente, do pasado mes de outubro.
Fai un ano e con vistas a ensombrecer o acto de primeira pedra, a Comunidade de Montes de Tameiga presentaba unha denuncia por suposta prevaricación ante a Fiscalía, que foi desestimada por esta ao estar a modificación puntual do PXOM, aprobada inicialmente en Pleno, totalmente avalada pola legalidade, tanto polos informes da Secretaría Municipal, como por Intervención e Urbanismo do Concello de Mos; como pola Xunta de Galicia.
Posteriormente, en setembro deste ano 2020, Ecoloxistas en Acción como parte da Comunidade de Montes de Tameiga, presentaba ante a APLU unha denuncia contra o Concello de Mos pola licenza aos campos de fútbol e vestiarios da Cidade Deportiva do Celta en Pereiras, que resultou arquivada o pasado 7 de outubro; dándolle unha vez máis a razón á alcaldesa e á administración local mosense e avalando a legalidade do proxecto deportivo celeste en Mos, posto que as obras realizadas adecúanse á lincenza municipal solicitada e concedida.
Nidia Arévalo decidiu hoxe pronunciarse respecto deste tema porque “ante a proximidade de que se cumpra un ano da primeira pedra, moito me temo que volten a facer o mesmo buscando únicamente a noticia, saír na prensa. Pero a noticia en realidade é que denuncian cos cartos dos comuneiros”. “É moi doado gastar cartos públicos en demandas que o único que pretenden é alimentar unha campaña de acoso e derribo contra a miña persoa como alcaldesa, simplemente queren facerme dano a min, desprestixiarme, e para elo cometen a irresponsabilidade económica de gastar os cartos dos comuneiros e ademais causarlle gastos ao Ministerio Fiscal”.
“Con esta actitude o único que seguen a facer é política contra min, é o único que buscan, e iso é o que hoxe quero manifestar, para que a xente en xeral, e sobre todo a veciñanza de Mos, saiba a verdade, e sexan conscientes de que se todo o denunciado por esta Comunidade está arquivado, por algo será”. Sentenciou a alcaldesa