Vigo, Galicia
General Política

MAREA DE VIGO ESIXE O DERRUBAMENTO DUNHA ANTENA ILEGAL DE TELEFONÍA EN BEADE.

Marea de Vigo considera que a declaración de ilegalidade da instalación obriga xa ao Concello a realizar a demolición sen necesidade de contar coa autorización do Ministerio de Economía e Empresa, tal e como actualmente sostén o Concello.

 Marea de Vigo denuncia de novo a instalación de antenas e equipamento de telecomunicacións no termo municipal de Vigo sen contar coa perceptiva licenza. “Unha realidade que, aínda que vai regulamentandose paulatinamente nos últimos anos, segue a existir especialmente nas zonas rurais da cidade” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Neste caso, a instalación da citada antena atópase na parcela situada no Camiño Ramón dos Pinos s/n, na parroquia de Beade. A instalación conta cunha antena e unha caseta con equipamento dende a que, segundo o propio Ministerio de Economía e Empresa, operan tres operadoras como titulares da instalación; Vodafone España S.A., Xfera Móbiles S.A. e Orange Espagne S.A.U.

Marea de Vigo trasladou unha pregunta ao Congreso dos Deputados para que o Ministerio de Economía e Empresa responda se, “tal e como argumenta o Concello de Vigo, é necesaria (ao abrigo do artigo 35.5 da lei 9/2014 Xeneral de Telecomunicacións solicitou o 18/03/2019) a emisión previa do informe preceptivo da Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións de Pontevedra (hoxe dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e transformación dixital) para proceder á derruba da caseta e da antena” matiza o voceiro.

O Grupo municipal tamén quere incidir en que “o propio Concello de Vigo ordenou o 03 de outubro do 2002 a demolición voluntaria destas instalacións por carecer de licenza municipal” lembra Rubén Pérez. A pesar do recurso de reposición presentado por Retevisión Móbil S.A. presentado posteriormente, “a sentenza 221/2004 desestimou o recurso e deu a razón ao Concello de Vigo ao declarar as obras como realizadas sen licenza e incompatibles coa ordenación urbanística vixente e ordenar a súa demolición” engade.

Actualmente, e a pesar de diversas modificacións lexislativas que poderían xerar algunha dúbida, “o certo é que sobre esta instalación existe unha orde administrativa de demolición previa que é executiva e firme” conclúe Rubén Pérez.

Photo 2020 10 06 10 51 11

Deja una respuesta

Hide picture