- A delegada territorial visitou esta mañá un dos establecementos beneficiados desta orde de axudas pola cal o Goberno galego busca dar a máxima seguridade ao sector da hostalería no desenvolvemento da súa actividade ante a covid-19
- As axudas están destinadas para que os locais poidan instalar pechamentos, compra de mobiliario e adaptar os espazos exteriores, ademais da adquisición de materiais de empaquetado de comidas e bebidas para o servizo a domicilio
- A representante autonómica pide celeridade coa nova ordenanza municipal para que os hostaleiros poidan canto antes adaptar os deseños dos espazos exteriores
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, cifrou hoxe en preto de 1,4 millóns de euros (202 establecementos) as axudas resoltas na área de Vigo para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo a domicilio.
Así o informou a delegada nunha visita á cafetería Punto e Coma no barrio vigués de Navia, un dos establecementos beneficiarios desta orde de axudas pola cal o Goberno galego busca dar a máxima seguridade ao sector da hostalería no desenvolvemento da súa actividade, no marco das medidas de protección da saúde ante a covid-19. Concretamente no caso da cidade de Vigo foron recibidas 116 solicitudes que supoñen en conxunto axudas por un importe de 725.513 euros.
En canto aos datos do resto da área, segundo informou, en Moaña atendéronse 11 solicitudes que ascenden a 68.068,76 euros e en Cangas 16 por valor de 101.538,67 euros; Gondomar suma 5 beneficiarios e 31.413 euros, Baiona 6 e 28.836 e Nigrán 10 e 102.935. En Mos con 7 peticións e O Porriño con 9 as axudas superan os 58.574 e 76.620 euros respectivamente.
En Salceda de Caselas foron 9 solicitudes, en Salvaterra 2 e en Redondela 6 por un importe que ascende en cada caso a 48.513, 13.858 e 51.613 euros. Xa por último, as 2 peticións de Fornelos e as 3 de Soutomaior suman 14.352 e 26.399 euros.
Neste contexto, Fernández-Tapias subliñou que foron moitas as axudas que ao longo deste ano se ten habilitado para apoiar ao sector, pero unha das fundamentais é a que
ten que ver coa adecuación dos negocios para adaptalos ás medidas de seguridade e sanitarias e adaptando tamén a súa actividade, sobre todo co servizo a domicilio.
O Goberno galego, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, tivo que reforzar o orzamento destinado ao programa con obxectivo de dar resposta á enorme demanda e interese que ten espertado no sector, un dos máis afectados no actual contexto económico. Ante o importante número de solicitudes presentadas na primeira convocatoria das axudas, ampliouse ata os 11 millóns de euros o orzamento da convocatoria, que tiña un orzamento inicial de 3 millóns de euros e xa se tiña ampliado ata os 7.
Apoios do 80%
Con apoios do 80% do investimento realizado, esta liña ofrece axudas directas a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, desde un mínimo de 1500 euros dos gastos ata un máximo de 25.000. Ademais, inclúe a achega de anticipos pola metade da contía.
Respecto ás características das solicitudes de apoios presentadas, Fernández-Tapias destacou a dimensión dos proxectos de adecuación dos exteriores, xa que unha parte importante dos restaurantes e cafeterías solicitantes acometeron reformas substanciais nesa parte dos seus locais coincidindo coa crise sanitaria.
Asemade, indicou que as axudas facilitadas por este programa poden destinarse a cubrir os gastos e investimentos realizados para instalar pechamentos estables ou elementos desmontables que sirvan de illamento ou protección, renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e aparatos calefactores nas terrazas, así como de mellora da fachada exterior dos establecementos.
Así, no caso de Vigo aproveitou para recordar que o Concello prepara unha nova ordenanza que incorporará criterios estéticos uniformes por zonas, polo que pediu axilidade na súa aprobación, para que os hostaleiros poidan canto antes adaptar os deseños dos espazos exteriores as indicacións municipais tras recibir a axuda da Xunta.
En canto aos apoios destinados a sufragar os gastos de adquisición de elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local, salientou a gran cantidade de solicitudes presentadas, o que indica que unha parte
relevante dos establecementos hostaleiros incorporaron ou reforzaron este servizo entre as súas actividades.