Vigo, Galicia
General Vigo

Marta Fernández-Tapia inaugura una nueva biblioteca en el ceip seis do nadal, “atlas dos soños”, en Vigo

  • A delegada da Xunta en Vigo destacou que Galicia é pioneira na concepción destes espazos como recursos educativos adaptados ás necesidades do alumnado
  •  Reforza o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas educativas da cidade con preto de 5 millóns de euros licitados ou en execución

20211109VisitaCeipSeisNadal2

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe con motivo da inauguración da nova biblioteca do centro vigués CEIP Seis do Nadal “Atlas dos Soños” a firme aposta do Goberno galego pola concepción destes espazos como recursos educativos adaptados ás necesidades do alumnado, un ámbito no que dixo “Galicia é pioneira en canto á accesibilidade, aos recursos dispoñibles, aos equipamentos, ás actividades propostas e á atención á diversidade. ”.

A representante autonómica puido comprobar o resultado das obras de reforma da antiga vivenda do conserxe xa reconvertida en biblioteca e que supuxo unha inversión de máis de 36.000 euros por parte do Executivo galego. Informou así que os traballos consistiron en adecuar o interior do inmoble creando un espazo único, coa renovación da carpintería e as instalacións, dos pavimentos e dos teitos. Tamén foron demolidas as dúas cubertas anexas á vivenda.

Tras salientar o papel fundamental que desenvolven as bibliotecas escolares, Fernández-Tapias apuntou que esta actuación vén a dar resposta a unha necesidade manifestada polo propio centro, que ata o de agora contaba cun espazo que non era suficiente para atender á demanda do alumnado.

A delegada territorial, que acudiu acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, tivo oportunidade de coñecer da man do alumnado de 6º de Primaria, encargado de dirixir o acto, a nova biblioteca e o biblioLab, a reformada aula de infomática e, xa no exterior, os patios inclusivos.

Neste contexto, aproveitou para reforzar o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas educativas con preto de 5 millóns de euros licitados ou en execución nos centros escolares de Vigo.

Tras sinalar que Vigo é a cidade á que o Goberno galego vén destinando a maior inversión en materia educativa de Galicia, a representante autonómica indicou que os orzamentos do 2022 recollen partidas tan importantes como os 900.000 euros que se destinarán a reforma integral do Conservatorio Superior de Música de Vigo (1,2M€). Asemade, reflicten outras dotacións específicas para a redacción de tres proxectos de ampliación nos CIFP Manuel Antonio, CIFP Valentín Paz Andrade e o IES de Navia. Respecto a este último centro, Fernández-Tapias recordou que a Xunta

mantense á espera de que o Concello de Vigo poña a disposición os terreos necesarios para a súa construción.

Neste sentido, avanzou que este ano remátanse ou recíbense outras obras en centros da cidade, por importe de máis de 1,3 millóns de euros, entre elas a rehabilitación integral do IES Santa Irene ou as cubertas do instituto Castelao.

Xa por último, referiuse ao inminente inicio da rehabilitación integral do IES San Tomé de Freixeiro na que se investirá 1 millón de euros.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para transformar os centros educativos ás novas necesidades post-pandemia, e que conta cun orzamento de 191M€ para o período 2021-2024.

O obxectivo é deseñar un novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. En definitiva, unha arquitectura con valor engadido, que se pon ao servizo das necesidades da educación do século XXI desde un punto de vista académico (retos tecnolóxicos e de inclusión), dotacional e de sustentabilidade.

Deja una respuesta