Vigo, Galicia
General Portada

MAREA DE VIGO URXE A RENFE A REFORZAR AS LIÑAS E FRECUENCIAS DESDE AS ESTACIÓNS DE VIGO POR SEGURIDADE SANITARIA.

Marea de Vigo alerta que seguen a producirse saturacións, especialmente durante os traslados de fin de semana e insta á operadora ferroviaria a reforzar as liñas do eixo atlántico por seguridade e comodidade das persoas usuarias.


Marea de Vigo trasladou ao Congreso a problemática recurrente de recorte na cobertura e calidade dos servizos ferroviarios, xa que “supuxo a minoración de servizos con orixe e destino Vigo pero que noutras partes de Galicia mesmo significou a eliminación total de liñas e frecuencias” apunta Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. “Unha situación que vese agravada polo peche de servizos na estación (venda de billetes e servizo de atención a clientes) – matiza o concelleiro-, todo baixo a explicación de tratarse dunha situacón orixinada pola crise sanitaria da COVID-19”.

Marea de Vigo considera que esta situación “non pode significar que as conexións entre as áreas metropolitanas máis poboadas de Galicia estean cada fin de semana saturadas, con un evidente risco sanitario e mesmo cunha degración do que é o transporte máis efectivo e sostible – incide Rubén Pérez -, xa que moitos usuarios e usuarias habituais desta modalidade de transporte están a empregar os vehículos privados e modalidade de transporte en vehículo privado compartido como alternativa”.

O Grupo municipal pide ademais que se recuperen as frecuencias que aínda non están operativas desde o inicio do estado de alarma: Os catro servizos que unen A Coruña e Vigo e os catro entre Vigo, Ourense e Monforte de longa distancia. “Con respecto a estes últimos, faltan por restablecer – engade Pérez – , polo menos, un servizo de conexión con Barcelona e tres con Madrid, ademais dos dous servizos de tren hotel que unían Galicia con estas dúas capitais”.

“A vertebración territorial ferroviaria é absolutamente necesaria para o futuro da nosa cidade. É un avance en materia de sostenibilidade no eido do transporte de persoas e mercadorías, permitindo ás persoas traballadoras, estudantes, desempregadas, etc.. métodos de mobilidade económicamente sociais – mantén o voceiro do Grupo municipal-. Nesta situación de pandemia, non desenvolver todas as políticas se seguridade sanitaria poden crear unha falla de confianza no transporte ferroviario, como parece que está a detectarse no sistema de metro de cidades como Madrid. Urxe poñer en valor con máis frecuencias e liñas no sistema público ferroviario”.

Rubén Pérez lembra que tamén Galicia en Común-Unidas Podemos-En Comú xa denunciara no Congreso que “as principais áreas metropolitanas de Galicia, en torno ao eixo Ferrol-Coruña e o eixo Vigo-Pontevedra, non contan con servizos de proximidade a pesar de ser territorios cunha elevada concentración poboacional, e as zonas interiores da comunidade, sobre todo a provincia de Lugo, sofren unha carencia importante de servizos e conexións, quedando pendente o desenvolvemento dunha conexión adecuada entre Galicia e Portugal, país co que se comparten cadeas de valor produtivas que afectan a empresas e traballadores”.

Deja una respuesta