Vigo, Galicia
General Portada

MAREA DE VIGO PEDIRÁ TRANSPARENCIA E CONTROL CON RESPECTO A VITRASA NO ÚLTIMO PLENO DO ANO, QUE TERÁ LUGAR ESTE MÉRCORES.

Rubén Pérez: “Pedimos que o Goberno local convoque o Consello Municipal de Transporte así como un Pleno monográfico para poder abordar os criterios económicos que se están poñendo enriba da mesa na negociación entre o Concello e a empresa concesionaria VITRASA. A medida de presión que decidiu utilizar a empresa para reclamar 8 millóns de euros de recursos públicos, a costa dos salarios do seu persoal, pode volver a repetirse no vindeiro ano 2021”.

 O Grupo municipal da Marea de Vigo defenderá o vindeiro mércores no último Pleno do ano 2020 unha moción instando ao Concello a aclarar que está acontecendo co prego concesional de VITRASA e coa ampliación acordada pola Xunta de Goberno. “Aínda que finalmente a empresa abonou a paga extra de decembro ao seu persoal, esta situación pode perfectamente volver a darse ante a discrepancia dos criterios de indemnización entre o Grupo AVANZA e o Concello pola perda de viaxeiras e viaxeiros no ano 2020 debido á crise sanitaria” apunta Rubén Pérez, voceiro do Grupo.

Marea de Vigo expresa a súa disconformidade coa aplicación do criterio de ampliación da concesión durante 5 anos máis, “existindo mecanismos para indemnizar a empresa que non pasen pola ampliación dun contrato obsoleto cuxas fórmulas de cálculo do billete son totalmente desfasadas” matiza o voceiro.

Para Marea de Vigo, é fundamentel “repensar esta ampliación e abrir a posibilidade da remunicipalización do servizo – Incide Rubén Perez.- Vigo é das poucas grandes cidades onde non hai participación pública no transporte urbano colectivo, existindo cidades cuxa titularidade é 100% pública e outras nas que a participación da administración local é importante”. En Vigo “temos unha empresa privatizada desde vello, que pasou por varios procesos de venta a grupos inversores extranxeiros, tendo estado en mans dun grupo chinés e na actualidade, dun grupo inversor mexicano” engade.

“A medida de presión que decidiu utilizar a empresa para reclamar 8 millóns de euros de recursos públicos (dos que dous foron dados xa polo Concello), a costa dos salarios do seu persoal, pode volver a repetirse no vindeiro ano 2021. É preciso discutir que está pasando con esta concesión e cales foron os criterios que seguiu o Goberno local para conceder unha ampliación unha vez acadado o límite concesional” conclúe o voceiro.

Deja una respuesta