Rubén Pérez: “Os argumentos esgrimidos por parte do Goberno de Abel Caballero, denegando a celebración dunha asemblea de persoal convocada en tempo e forma o pasado mércores, son cando menos desprezables”.
Esta mañá, Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo, xunto aos demais grupos da oposición, mantivo unha xuntanza co Comité de empresa do Concello de Vigo, na que este lles trasladou a “falla de comunicación e mínimos dereitos democráticos por parte do Goberno local cara á representación legal das e dos traballadores”.
Por parte da Marea de Vigo, Rubén Pérez transmiu ao Comité o “total apoio a todas e cada unha das accións e mobilizacións que o Comité de empresa decida levar a cabo”, xa que, segundo expresou o voceiro, “todas as medidas son froito da falla de negociación por parte do Goberno local, e de todas e cada unha das persoas que nos últimos anos estiveron ao cargo da área de xestión de persoal”.
Rubén Pérez sinalou como “curiosamente grave” que a primeira acción da nova concelleira delegada da Área de persoal “fora precisamente a denegación desa asemblea”. “É un fito histórico que pon a este Goberno local nos peores momentos democraticos que ten vivido este Concello nos últimos anos e por iso emprazamos á nova concelleira que se acabe con certas prácticas que levan moitos anos instaladas neste concello e retome a negociación coa representación sindical” apelou.
Mais, segundo Marea de Vigo, a situacion laboral no concello de Vigo non é só o que ten que ver cos traballadores e traballadoras públicas senón que “hai un gran problema na xestión de emprego dos servizos públicos, maioritariamente privatizados e concesionados” lembrou o voceiro. “Se abren conflitos constantemente en todas e cada unha das concesións, como o permamente conflito en parques e xardíns ou o recente e gravísimo caso da xestión das ludotecas, nas que, actualmente as traballadoras acabaron nun erte froito da incompetencia do Goberno municipal” reprobou.
A intención do Grupo municipal da Marea de Vigo é, tamén, preparar iniciativas en forma de mocións para trasladar a problemática ao Pleno, do mesmo xeito que solicitar se e necesario formalmente comisións especiais para estudar a situacion laboral do concello. “Estamos diante dun dos gobernos locais con peores números en canto a emprego público, dereitos democráticos dos traballadores e traballadoras e execución de partidas relacionadas co fomento do emprego digno e de calidade” concluíu o voceiro.