Rubén Pérez: “O silencio cómplice da Xunta, do seu Presidente e do Conselleiro de Industria, e a desidia dun alcalde que non foi tal á hora de fotografiarse no estaleiro mentres accionistas e especuladores esnaquizaban o futuro do estaleiro tamén son responsables indirectos do desastre e da mala xestión”.
Marea de Vigo ten xa claro que o Evrima sae das gradas do estaleiro para non volver, “tras a operación levada a cabo, primeiro, polos accionistas como Pemex ou García Costas, autodenominados algúns como forzas vivas da cidade, que encheron os seus petos coa venta accionarial a Ritz-Carlton e despois, cos novos accionistas con sede en Suiza, levando o barco despois de pintalo en Santander ou Ferrol a Malta ou a algún país no que a actuación xudicial posterior imposibilite a reclamación dos miles de euros que adebedan ao Porto en forma de canon, a empresas auxiliares e a proveedores de todo tipo” sinala Rubén Pérez.
“O silencio cómplice da Xunta, que sabe perfectamente que acontece en Barreras, que sabe perfectamente que débedas teñen os propietarios de Barreras, que estaba presente cando se formalizou a compra do estaleiro co compromiso da naviera de asumir o sobrecusto do barco, que sabe perfectamente que mesmo non pagaron o canon por ocupar terreos portuarios, é a demostración palpable de que Feijoó, o artífice do anterior desastre de Pemex, actúa de novo, esta vez por deixación de funcións como Presidente da Xunta e sendo responsable de nomear ao Conselleiro de industria que, neste problema, nin está nin se lle espera” lamenta Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.
Por outra banda, Marea de Vigo esixe ao Goberno local, co seu alcalde á cabeza, que “se poña á fronte dos intereses da cidade e que vele polo futuro industrial de Barreras ante esta actuación do grupo accionarial que pon máis en perigo que nunca o futuro do estaleiro” segundo incide Rubén Pérez, quen lle pide tamén ao alcalde que “lembre as ducias de fotos que se fixo no estaleiro cando accionistas e especuladores de topo tipo destrozaban encubertamente a viabilidade industrial dun estaleiro de referencia no mundo”.
Marea de Vigo asiste asustada “ao maior episodio de neglixencia industrial e financeira, a maior caradura accionarial nunha empresa da cidade, a unha falla de empatía cara aos miles de traballadores e traballadoras que viven e poden vivir dun sector no que Vigo é punteiro, a un episodio que non pode significar o silencio social que estamos a vivir” relata o voceiro municipal. “Do que fagamos colectivamente como cidade, depende o futuro de Barreras, de Vulcano e de todo un sector que aporta salarialmente ao PIB local números nada desprezables” conclúe Rubén Pérez.