Vigo, Galicia
Vigo

Los diputados gallegos en el Congreso urgen a Renfe adecuar la oferta ferroviaria a las necesidades de los usuarios que viajan entre las ciudades de Galicia

Presentan unha iniciativa que recolle as demandas dos miles de cidadáns que se desprazan a diario a través do Corredor Atlántico (Vigo-A Coruña) e do Corredor A Coruña-Santiago-Ourense

Defenden, con medidas concretas, un servizo competitivo e con horarios que se axusten á realidade laboral e social, pedindo tamén que se repoñan os trens suprimidos pola pandemia

Os deputados galegos no Congreso presentaron unha Proposición non de Lei para instar a Renfe a que mellore con urxencia a súa oferta de trens e horarios para adecuala ás demandas de mobilidade dos usuarios do ferrocarril que en Galicia se desprazan cada día entre as distintas cidades a través do Corredor Atlántico (Vigo-A Coruña) e do Corredor A Coruña-Santiago-Ourense.

Como lembran os parlamentarios, o comezo en decembro de 2021 dos ansiados servizos de alta velocidade entre Madrid e Galicia, con dez frecuencias diarias en cada sentido, levou a Renfe a dispor duns novos horarios de ferrocarril dos trens Avant e de media distancia que, en determinados casos, non se axustaron á realidade laboral e social, provocando o rexeitamento dos usuarios habituais, fundamentalmente traballadores, profesionais, estudantes, funcionarios e usuarios de centros sanitarios.

Ante esta situación, os populares Celso Delgado, Diego Gago, Ana Pastor, Ana Vázquez, Jaime de Olano, Joaquín García Díez, Marta González, Tristana Moraleja, Valentina González, Javier Bas e Juan Constenla lamentan que as necesidades habituais de desprazamento dos usuarios non sexan atendidas nin consideradas pola empresa operadora.

De feito, lembran que son miles as persoas que en Galicia viven ou traballan nunha urbe diferente á que residen, polo que é necesario que os transportes ferroviarios permitan atender esa realidade. Así mesmo, o tráfico entre as grandes cidades da Comunidade proporcionan volumes considerables de viaxeiros, que requiren unha oferta de servizos rápidos a determinadas horas, tanto de mañá como de tarde.

Como defenden os deputados, débese aproveitar ao máximo a oportunidade que supón unha conexión de dúas horas e quince minutos entre Ourense e Madrid, pero, ao mesmo tempo, é imprescindible ofrecer un servizo competitivo e con horarios capaces de satisfacer a crecente demanda da rede ferroviaria interior de Galicia.

MEDIDAS CONCRETAS PARA AS NECESIDADES DOS USUARIOS

Xa finalizado o primeiro trimestre de 2022, Renfe segue sen repor servizos suprimidos pola pandemia, sen programar outros novos e sen adaptar os horarios ás necesidades que os usuarios, a través de diferentes plataformas, veñen constantemente reivindicando. Por este motivo, os populares acollen na súa iniciativa medidas concretas para satisfacer ditas demandas.

No que respecta ao Corredor Atlántico (Vigo-A Coruña), solicitan unha nova frecuencia media distancia dende Vigo ás 6:00-6:10 e que faga catro paradas para atender o horario de entrada das 8:00 en Santiago e A Coruña; adiantar media hora o tren que agora parte ás 6:40 de Vigo e revisar a calidade do traxecto de madrugadores para evitar os atrasos diarios de 10-12 minutos.

Ademais, na viaxe de volta, recollen atrasar media hora o tren que agora sae da cidade herculina ás 15:00 para atender aos usuarios da área da Coruña e cara Vigo con xornadas de traballo ou estudo de sete horas; crear unha nova frecuencia media distancia entre as 15:00 e as 17:00 con saída da Coruña; e, en sentido Santiago-A Coruña, poñer en funcionamento un tren sobre as 20:30.

No referido ao Corredor A Coruña-Santiago-Ourense, a iniciativa reclama recuperar o tren suprimido en pandemia que saía de Ourense cara Santiago e A Coruña ás 6:45; repor ás 6:30 o que actualmente sae da Coruña a Ourense ás 6.55; repoñer o que previamente partía ás 7:15 dirección A Coruña-Ourense; e recuperar o horario do tren A Coruña-Ourense que antes do pasado 21 de decembro saía ás 15:30 -adiantándose para a conexión con AVE ás 15:10-.

De igual modo, propoñen aumentar as prazas comercializadas en modalidade «sinergiado» para que trens Alvia entren nos abonos sen custo extra; e aplicar a tarifa 4 convencional cando existen limitacións de velocidade de 200-220 km/h, pois a compañía está a cobrar por prestacións que non dá (como a tarifa 5 de velocidade alta ou 4 en modalidade alta velocidade) e os usuarios soportan un sobrecusto ilícito.

Deja una respuesta