Vigo, Galicia
Galicia General Política

Los diputados gallegos del PP piden al Gobierno Central en el Congreso la congelación de los peajes de las autopistas AP-9 y AP-53

Denuncian que “estas dúas autopistas non só son das máis caras de España, senón que tamén seguirán encarecéndose nun 9% a partir de xaneiro se o Goberno central non o remedia”

 Instan ao Executivo a “tomar exemplo e adoptar medidas nas autopistas de titularidade estatal como as que a Xunta vai facer nas autonómicas da súa competencia”, facendo referencia así á conxelación das peaxes da AG-55 e da AG-57

 Os populares acaban de rexistrar tamén no Parlamento de Galicia unha iniciativa sobre este asunto

Os deputados galegos do Partido Popular veñen de rexistrar unha Proposición non de lei no Congreso na que reclaman ao Goberno central a adopción de medidas destinadas á conxelación das peaxes das autopistas estatais AP-9 e AP-53.

O texto da proposición —promovida na Cámara Baixa por Marta González, Celso Delgado, Jaime de Olano, Ana Pastor, Joaquín García Díez, Ana Vázquez, Tristana Moraleja, Valentina González, Diego Gago, Javier Bas e Juan Constenla— parte do feito de que a AP-9 é “a vía de comunicación máis importante de Galicia” e tamén “unha das autopistas máis caras de España xunto á AP-53”.

“Aínda coas bonificacións implantadas, a AP-9 ten un custo medio por quilómetro de 6,12 céntimos. No caso da AP-53, sen ningún tipo de bonificación, o custo medio chega ata os 7,77 céntimos; é a autopista co peaxe máis alto de Galicia e encontrase no top de España”, engaden.

Ante estes feitos, os populares denuncian que “estas dúas autopistas non só son das máis caras de España, senón que tamén seguirán encarecéndose en xaneiro

coa subida do IPC se o Goberno central non o remedia”. Unha suba que cifran nunha media do 9% e que suporía “o segundo maior incremento da serie histórica”.

A suba exacta da AP-53 situaríase en máis dun 8% e de case o 9% na AP-9. A esta última habería que sumarlle un 1% de incremento extra pola compensación a Audasa polas obras de ampliación da autopista que, tal e como recordan desde o Partido Popular, “foi autorizada por un Goberno socialista en España”.

Lamentan que “ante a escalada de prezos e o evidente impacto que isto tería nas tarifas das autopistas estatais” o Goberno de España “non tivese previsto ningunha medida nos Presupostos Xerais do Estado de 2023 co obxectivo de paliar os efectos deste impacto no peto das familias e na competitividade das empresas”.

Contrapoñendo así a actitude do Executivo central coa “previsión” da Xunta de Galicia, que decidiu conxelar as peaxes das autopistas de titularidade autonómica en 2023. De aí que consideren que se trata dunha “cuestión de vontade política” e insten ao Goberno central a “tomar exemplo e adoptar medidas nas autopistas de titularidade estatal como as que a Xunta vai facer nas autopistas autonómicas da súa competencia”.

“Consideramos que o Goberno de España está a tempo de limitar a suba das peaxes chegando a acordos coas concesionarias. Pode e debe evitar que os galegos teñamos que asumir o vindeiro 1 de xaneiro unha suba histórica das peaxes da AP-9 e da AP-53 no peor momento”, conclúen.

Pola súa banda, o Grupo Popular do Parlamento de Galicia tamén rexistrou este luns unha PNL similar, para ser debatida en Pleno. Así mesmo, a iniciativa será presentada en concellos e nas deputacións.

Deja una respuesta