Vigo, Galicia
Política

Las dependientas de Inditex volverán a las calles el 7 de abril para reclamar mejoras en sus condiciones de trabajo

As traballadoras das tendas de Inditex volven á loita. O domingo 7 de abril, as dependentas do grupo téxtil manifestaranse na Coruña para reclamar as melloras nas súas condicións laborais que quedaron pendentes na anterior negociación. A protesta, convocada pola CIG, sairá as 12 horas da Praza de Lugo e rematará na Porta Real, seguindo o mesmo itinerario que na manifestación do 6 de novembro de 2022 que marcou o inicio das históricas mobilizacións das dependentas de Inditex.

A decisión de volver ás rúas adoptouse tras a falta de avances na reunión celebrada este mércores coa compañía para abordar cuestións tanto de ámbito económico (cobro da antigüidade, prima de vinculación ou plus de sábado e tarde) como laboral (equiparación de condicións entre todas as cadeas, redución da xornada en función da idade, melloras sociais, etc.).

Antigüidade e melloras sociais

A CIG-Servizos subliña que unha das principais reivindicacións é a recuperación do cobro da antigüidade por cada cuadrienio, pero Inditex négase en rotundo a negociar nada relacionado co pago da antigüidade. No almacén loxístico de Sabón, despois dunha loita sindical liderada pola CIG, o persoal conseguiu recuperar a antigüidade do convenio, polo que as dependentas das tendas reclaman que tamén se lle recoñeza este mesmo dereito.

Xunto a isto, as traballadoras demandan que se lles apliquen as melloras sociais que xa teñen recoñecidas os compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo tales como as axudas para gastos de gardería, as axudas para persoas con crianzas con necesidades especiais ou o estabelecemento do bono comida. Unhas melloras que xa ían na plataforma reivindicativa da CIG, pero que ficaron pendentes tras os acordos salariais alcanzados en 2022.

Negociar aquí e non en Madrid

Precisamente, aquela loita histórica forzou que Inditex (contra a súa pretensión de centralizar e afastar as relacións laborais) tivera que reabrir a mesa de negociación en Galiza para tratar estas cuestións. Pero as negociacións non avanzan a causa das insuficientes propostas presentadas pola compañía que, xusto despois de anunciar beneficios milmillonarios de récord e un incremento do 28% dos dividendos, pretende adiar calquera acordo até o ano 2025 en previsión de que no próximo exercicio os resultados económicos non sexan tan espectaculares.

As traballadoras son parte importante na xeración deses beneficios e queren ser parte tamén no reparto desa riqueza que xeran. Por iso están dispostas á volver á rúa para conseguir

melloras nas súas condicións laborais e así o manifestaron nas múltiples asembleas realizadas pola CIG nas tendas ao longo destas últimas semanas.

As traballadoras xa demostraron que están organizadas, que teñen unha enorme capacidade de loita e un firme convencemento de que só a través da mobilización poden lograr avances nos seus dereitos. Máis tamén están certas de que a negociación se ten que desenvolver en Galiza, e non en Madrid, porque é no ámbito máis próximo aos centros de traballo onde teñen capacidade de incidir e decidir en cada momento sobre o que se está a negociar.

Deja una respuesta