Vigo, Galicia
Galicia Política

Pontón a Rueda. “Los gallegos no quieren vivir en bajos comerciales, quieren vivir en pisos dignos igual que usted”

  • Cualifica de “ocorrencia” a proposta do Goberno do PP nunha Galiza con 90.000 pisos baleiros só nas grandes cidades
  • Propostas BNG: compra masiva de vivenda baleira, utilizar o dereito de tanteo e retracto para mercar vivenda protexida e declarar zonas tensionadas

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou a “ocorrencia” do Goberno de Alfonso Rueda de pretender destinar a vivenda “baixos comerciais que levan anos abandonados porque ninguén os quere”, cando en Galiza hai 90.000 pisos baleiros, só nas grandes cidades, que xa teñen as infraestruturas, servizos e condicións de habitabilidade precisas e que, polo tanto, poden ser comprados, rehabilitados e postos a disposición da cidadanía “a prezos que poida pagar”.

“Señor Rueda, os galegos e as galegas non queren vivir en baixos comerciais, queren vivir en pisos dignos exactamente igual que vostede”, advertiu na sesión de control ao titular da Xunta, logo de preguntarlle até en dúas ocasións sen obter resposta se el viviría nun deses baixos.

Pontón recomendou ao presidente do Executivo a serie ‘A Arquitecta’, que aborda as consecuencias de converter a vivenda nin ben de luxo e na que se recollen algunhas das “propostas disparatadas” como converter prazas de garaxe abandonadas en mini-apartamentos.

“Cambiemos prazas de garaxe abandonadas por baixos comerciais vellos e teremos a súa última ocorrencia en materia de vivenda, que os galegos e as galegas vivan en baixos que ninguén quere”, sintetizou, logo de cuestionar as razóns desta “última ocorrencia” dos populares en materia de vivenda.

“En que está pensando cando fai esta proposta, na xente que necesita unha vivenda ou en quen ten un baixo en aluguer que non pode alugar?”, interpelou a un Rueda que tampouco respondeu a esta pregunta.

A portavoz nacional indicou que, en todo caso, a proposta do Goberno do PP “non obedece o interese e o dereito dos galegos e das galegas a ter unha vivenda digna”, porque se ese fose o obxectivo, xa tería anunciado un programa de compra pública de vivenda baleira para destinala a alugueiro ou estaría exercendo o dereito da Xunta a comprar toda a vivenda protexida que se poña en venta, como propón o BNG.

“Isto é o que estaría facendo en lugar de rebaixar a calidade do que se supón que é unha vivenda digna”, incidiu, para advertir a continuación que converter baixos comerciais en alugueiro social “é mandar unha mensaxe moi perigosa”. “É dicir á xente, quen poda pagalo ten dereito a unha vivenda e que non, ten que conformarse a vivir nun baixo”, resumiu.

Fronte ás ocorrencias e á propaganda dun Goberno do PP, Pontón contrapuxo as alternativas realistas e eficientes do BNG que pasan, en primeiro lugar, por poñer en marcha un plan de compra masiva de vivenda para poñer a disposición da cidadanía en alugueiros a prezos que poidan pagar.

En segundo lugar, propuxo a compara de toda a vivenda protexida que se poña á venda exercendo o dereito de tanteo e retracto que ten a Xunta, algo que xa podían ter feito os populares ao longo dos seus 16 anos de goberno e que non fixeron.

E, en terceiro lugar, declarar zonas tensionadas, unha medida que permitiría abaratar os alugueiros. “Deixe de boicotear as declaracións de zonas tensionadas, porque vostede é que ten que facer ese traballo e non cargar aos concellos e, por riba, boicotear a quen fai o traballo que non está facendo a Xunta”, reclamou a Rueda.

Neste sentido, acusou ao PP de ser parte do problema neste ámbito de actuación, ao levar 16 anos “dinamitando a política social de vivenda”, negarse a limitar o prezo do alugueiro porque prefire “defender o negocio duns poucos que o dereito da maioría” ou boicotear a declaración de zonas tensionadas como fai en Santiago.

“E todo para dicirlle ‘si bwuana’ ao Partido Popular de Madrid que lles manda directrices tamén moi claras neste sentido”, criticou ao presidente do Executivo, ao que advertiu que está rebaixando as normas de habitabilidade, ao contrario que fixo o BNG no goberno, que mellorou as condicións de habitabilidade dos pisos. “Non mini-pisos, senón pisos dignos para todo o mundo”, recalcou.

A líder nacionalista tamén criticou a falta de credibilidade dun Goberno do PP inmerso nunha deriva propagandística na que anuncia e anuncia, pero logo non executa. “Non é que leven 4.000 pisos e que levarán 10.000 cos seus anuncios e anuncios”, ironizou, para revelar a continuación que no primeiro semestre deste ano o programa de acceso á vivenda tivo un nivel de execución de tan só o 5%. “Eses son feitos e non a súa propaganda”, recriminou.

Ante as referencias, habituais na sesión de control, do titular do Executivo á súa persoa, molesto polo tempo dende o que é deputada, Pontón recordoulle que el leva “máis de 30 anos subido no coche oficial”.

“Vostede xa era presidente de Novas Xeracións cando o señor Pablo Crespo repartía sobres en B dentro do Partido Popular”, advertiu a Rueda, ao que recordou que Crespo vén de ratificarse en que no PPdeG había financiamento ilegal e el mesmo repartiu sobresoldos en B. “E aí estaba vostede xa no aparato do Partido Popular”, lembrou. 

Nesta liña, tamén reprobou as críticas de Rueda ás mobilizacións nas que participa o BNG en defensa dos intereses dos galegos e das galegas, algo que xustificou porque aos populares “non lles gusta as mobilizacións, excepto as que convocan eles”.  

“Manifestarse en contra do galego, ir á praza de Colón con todo o facherío español como fixo vostede, esas son mobilizacións boas; agora, mobilizarse para defender a lingua galega, para denunciar os seus recortes na sanidade ou para dicir non a Altri, iso para o PP e para o señor Rueda está mal”, remarcou. “Era o que nos faltaba, o Partido Popular dando leccións de quen son bos e malos manifestantes, señor Rueda, menudo papelón”, concluíu.

Deja una respuesta

Hide picture