Un total de trece establecementos hoteleiros e catro negocios de restauración recibiron axudas por valor de 472.000 euros
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou o restaurante Illas Cíes tras o investimento acometido nos últimos meses coas achegas da Axencia de Turismo de Galicia para a mellora das infraestruturas turísticas da comunidade autónoma.
Durante a visita, a representante autonómica destacou a “importante mobilización” de fondos para a renovación de establecementos hoteleiros e de restauración da área viguesa. “Estamos ante un bo exemplo do apoio da Xunta á mellora das infraestruturas dun sector estratéxico como é o turismo na nosa cidade e a súa contorna”, sinalou.
Ana Ortiz explicou que un total de dezasete empresas -trece hoteis e catro restaurantes- recibiron achegas por un valor total de 472.511 euros, o que permitiu mobilizar investimentos por case un millón de euros.
No caso de Vigo beneficiáronse os aloxamentos Camping Illas Cíes e os hoteis Gran Vía, Cidade de Vigo, Axis Vigo, Maroa, Coia e Pazo dos Escudos. Tamén os restaurantes Central Pork e o mencionado Illas Cíes.
Ademais, no resto da área viguesa recibiron axudas os hoteis Rodeiramar e Hollywood (Cangas), Prado Viejo e Bienestar (Moaña) e A Anunciada (Baiona), así como os restaurantes Los Abetos (Nigrán) e La Renovadora (Pazos de Borbén).
A Axencia de Turismo de Galicia resolveu as axudas de mellora de infraestruturas turísticas cun orzamento total no conxunto da comunidade de 3,4 millóns de euros, divididos en dúas liñas. Por unha banda, achegas para aloxamentos, cun importe de 2,6 millóns de euros, e por outra banda, para restauración con 777.000 euros.