Trátase dunha técnica combinada na que se bloquean de xeito simultáneo os nervios axilar e o supraescapular nos tratamentos de patoloxía do ombreiro
―O bloqueo combinado realizase mediante abordaxe interfascial, e a través dunha ecografía guiada introdúcese un tratamento farmacolóxico no espazo confluente de varios músculos
Esta investigación pon de manifesto os resultados desta técnica, que é máis segura e presenta melloras no control da dor e do balance articular
A Unidade de Alta Resolución do Ombreiro atende a 1.750 pacientes anuais dos que 400 reciben o tratamento de bloqueo dos nervios
O servizo de Medicina Física e Rehabilitación da Área Sanitaria de Vigo ven de recibir un premio no Congreso nacional da SERMEF e Iberoamericano de Rehabilitación, á mellor comunicación oral presentada por residentes polo estudo “Bloqueo interfascial do nervio axilar combinado con bloqueo do nervio supraescapular no tratamento de patoloxías de ombreiro”.
O xefe do servizo, Francisco Javier Juan, que liderou o desenvolvemento deste proxecto de investigación, explica que “a dor crónica de ombreiro é un problema médico e socioeconómico importante. Trátase dunha afección común en adultos e unha causa prioritaria de discapacidade funcional, polo que é fundamental a busca de melloras na atención aos nosos pacientes. Neste senso, dedicamos unha investigación ao control desta dor, que ten gran relevancia na práctica sanitaria habitual”.
O investigador principal do estudo foi o doutor René García Macero, aínda que tamén participaron María Inés Gomes, Joel Pires, Alejandro Herbello, e o tutor de residentes Antonio López.
Bloqueo combinado dos dous nervios
Na dor de ombreiro, o nervio axilar é o resposable do 30% da percepción dolorosa e o nervio supraescapular do 70% restante de percepción da dor.
A investigación premiada estuda os resultados dunha técnica -que o servizo de Rehabilitación vigués xa ven desenvolvendo- de bloqueo combinado dos nervios axilar e supraescapular, fronte a técnica convencional na que solo se bloqueaba o nervio supraescapular.
Este bloqueo simultáneo de ambos nervios se realiza mediante abordaxe interfascial. Así, a través de ecografía guiada, se localiza a área exacta de confluencia entre o músculo redondo menor, o deltoides e o tríceps; e nese punto concreto os médicos rehabilitadores introducen un tratamento farmacolóxico.
Esta investigación demostrou que o bloqueo combinado de ambos nervios a través desta abordaxe consigue melloras no control da dor e do balance articular. Segundo asegura o Dr. García Macero
“utilizar a abordaxe intersfacial dos nervios acorta o tempo da técnica e evita o risco de punción accidental de estruturas vasculares como arterias e venas. En definitiva, trátase dunha técnica máis segura e eficaz que mellora de xeito moi significativo a calidade de vida dos pacientes”.
Esta técnica ten unhas indicacións moi concretas, e vai dirixida a pacientes con dor moderado ou intenso e con limitación na movilidade.
1.750 pacientes anuais
O servizo de Rehabilitación conta cunha Unidade de Alta Resolución de Ombreiro que atende a 1.750 pacientes anuais. Nesta Unidade se realizan diferentes tratamentos intervencionistas, como os bloqueos nerviosos, do que se benefician 400 pacientes ao ano.
As causas desta dor poden deberse a diferentes procesos patolóxicos como os tendinosos, inflamatorios e, sobre todo, a procesos dexenerativos articulares que cursan con discapacidade .
Nos últimos tempos o servizo de Rehabilitación ten realizado diversas investigacións no campo do control da discapacidade e de dor dos pacientes, o que lle ten valido varias distincións e recoñecementos a nivel nacional.
