Vigo, Galicia
General Vigo

La Xunta licitará este año por más de 500.000 euros a nueva unidad de rehabilitación cardíaca del área sanitaria de Vigo que tendrá 260 m2

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou o excelente labor levado a cabo pola unidade, con máis de 900 pacientes atendidos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo hoxe, no acto de inauguración do 2º encontro entre profesionais e pacientes en rehabilitación cardíaca, que tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro, que a Xunta licitará este ano, por máis de 500.000 euros, a nova unidade de rehabilitación cardíaca da área sanitaria viguesa, que contará con 260 metros cadrados e da que xa se adxudicou o proxecto arquitectónico o pasado setembro.

Tal e como remarcou o conselleiro no acto, no que estivo acompañado polo xerente da área, Javier Puente, a nova unidade terá un área de adestramento e exercicios físicos, cun completo ximnasio monitorizado; unha sala vital, con toma de osíxeno, aspiración e carro de parada con desfibrilador/marcapasos; ademais da zona coas diferentes consultas dos profesionais. Esta licitación amosa o compromiso do Executivo galego co labor dos profesionais e a actividade desta unidade, así como a mellora continúa da atención aos pacientes.

Segundo remarcou o conselleiro, a unidade de rehabilitación cardíaca do servizo de cardioloxía de Vigo fai un labor encomiable no ámbito da recuperación integral dos pacientes que sufriron unha patoloxía cardíaca aguda, dende a súa posta en funcionamento en 2017. Así mesmo, subliñou a excelencia do persoal que a compón, formado por profesionais de cardioloxía, uroloxía, medicina rehabilitadora, enfermería, fisioterapia, psicoloxía, nutrición, farmacia e traballo social, que leva atendidos a máis de 900 pacientes, creando programas individualizados para cada un deles cun seguimento estreito, e orientados a previr os factores de risco cardiovascular así como a facilitar a reincorporación dos pacientes á súa vida habitual.

Teleasistencia

Fronte ás patoloxías crónicas a clave, -dixo Comesaña-, está na anticipación, e Galicia é pioneira no teleseguimento, coa implantación das e-interconsultas que están funcionando nos servizos de cardioloxía das sete áreas sanitarias e que, no ano 2022, beneficiaron a preto de 28.000 pacientes. A interconsulta permite a conexión directa, a través da historia clínica electrónica, con rapidez e eficacia, entre os profesionais de primaria e hospitalaria.

Tamén destacou o conselleiro a plataforma de teleasistencia TELEA, grazas á que se fai seguimento aos diferentes pacientes con doenzas cardíacas. Entre eles, e dende 2020, tamén os doentes en rehabilitación cardíaca, dos que dende a súa posta en marcha beneficiáronse máis de 300 en toda Galicia, sendo a área de Vigo unha das que máis pacientes segue a través desta aplicación, con máis de 150.

Ademais das e-interconsultas e do TELEA, Comesaña destacou o Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio (Progaliam), en funcionamento dende 2005, que está recoñecido como un dos mellores en España e Europa; ou o Programa Alerta Corazón, que permite ter rexistrados os pacientes en risco de síndrome coronaria aguda, para poder intensificar a atención sobre eles.

Deja una respuesta

Hide picture