A Consellería de Sanidade invitará a 136.400 mulleres entre 35 e 65 anos da área viguesa a participar nesta acción preventiva para reducir a morbi-mortalidade desta patoloxía
Hoxe tivo lugar unha xornada informativa e formativa no hospital Alvaro Cunqueiro dirixida a profesionais sanitarios de xinecoloxía, fundamentalmente ás matronas
A primeira proba de cribado é a detección de infección por VPH, xa que este virus é o primeiro causante das lesións de colo de útero
As mulleres poderán elixir entre dúas modalidades de participación, a autotoma ou a cita coa matrona no centro de saúde
No cancro de cérvix é especialmente importante este tipo de accións preventivas, dado que é unha patoloxía que non produce síntomas, polo que unha detección precoz permite aumentar as posibilidades de curación
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade porá en marcha na Área Sanitaria de Vigo o Programa poboacional de cribado de cancro de cérvix, destinado a 136.430 mulleres da área con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos, e que ten por obxectivo reducir a morbi-mortalidade e a incidencia deste cancro entre a poboación galega.
Así, hoxe tivo lugar unha xornada informativa e formativa no hospital Alvaro Cunqueiro, dirixida a profesionais sanitarios de xinecoloxía, fundamentalmente ás matronas de Atención Primaria. Nesta xornada, técnicos de saúde pública presentaron o Programa e resolveron as dúbidas e cuestións relativas ao procedemento.
As modalidades de acceso ao Programa son por invitación desde a Consellería de Sanidade ou captando á muller na súa consulta co profesional sanitario.
Coa extensión desta iniciativa á area sanitaria viguesa, a administración sanitaria continúa coa súa aposta pola prevención e a detección precoz. Trátase dunha acción preventiva para que o Servizo Galego de Saúde poida diagnosticar cada vez máis cedo unha patoloxía que, na actualidade, xa é o segundo cancro máis frecuente en mulleres.
Nesta patoloxía é especialmente importante este programa preventivo, porque é unha enfermidade que non produce síntomas polo que adoita diagnosticarse en estadios moi avanzados. A detección precoz, cando aínda non hai síntomas, permite aumentar as posibilidades de curación. Ademais, as probas realizadas tamén permiten detectar as lesións premalignas evitando que evolucionen a cancro, polo que se pode previr a súa evolución.
Participación: autotoma o cita médica
O cancro de cérvix é o que afecta ao colo do útero. A causa principal deste cancro é a infección polo Virus do Papiloma Humano (VPH).
Así, a primeira proba de cribado é a detección de infección por VPH-AR que, de resultar positiva, requiriría unha citoloxía posterior. A detección da infección realízase mediante unha proba moi sinxela e indolora que, a diferencia da citoloxía, pode ser realizada tanto nun centro sanitario como pola propia muller no seu domicilio. Isto é posible porque o virus se detecta no fluído vaxinal e non é necesario coller as células do colo de útero.
Polo tanto, as mulleres decidirán a súa modalidade de participación: se elixen a autotoma se lles enviará un kit co material e a información necesaria para que poidan realizarse a proba correctamente. Se prefiren que a proba se a realice un profesional sanitario, se lle dará cita co matrón ou matrona do seu centro de saúde.
Citoloxías
Se a proba do VPH é positiva e detecta a infección, o seguinte paso é verificar que non hai anomalías nestas células, polo que é preciso facer unha citoloxía para recoller as células do colo de útero.
No caso de que a mostra fose tomada por persoal sanitario, a citoloxía pode realizase na mesma mostra, sen que a muller teña que volver ao centro de saúde. Se, pola contra, a toma realizouna a propia muller, esta terá que acudir ao centro de saúde para facer a citoloxía. Se calcula que aproximadamente un 7% destas probas serán positivas e as mulleres terán que realizarse unha citoloxía.
Se o resultado da citoloxía é anormal á muller será citada para un estudo xinecolóxico máis detallado para descartar a presenza dunha lesión premaligna ou maligna do colo de útero.
En canto á comunicación dos resultados, se non hai anomalía na proba realizada, a muller recibirá un SMS co resultado de “normalidade”; mentres que se precisa realizar algunha outra proba recibirá unha carta coa correspondente cita.
Toda a información referente a como participar no programa poboacional de cribado de cancro de cérvix estará dispoñible na web do Servizo Galego de Saúde.
