A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias presidiu esta mañá o sorteo de asignación das vivendas no salón de actos da Delegación Territorial
§ O feito de resultar adxudicatario provisional, non determina a condición de adxudicatario definitivo; debe acreditar os requisitos esixidos para acceder ás VPP
A Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) realizou esta mañá o sorteo para adxudicación dun total de 33 vivendas de promoción pública (VPP) de nova construción no Concello de Vigo, que actualmente están en proceso de construción na rúa Ignacio Grobas 19.
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto ao xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Manuel González González, e a xefa de área provincial do IGVS, María Martínez Allegue, foi a encargada de presidir este sorteo de asignación que se celebrou na Delegación Territorial, ante notario e a porta cerrada, por recomendación das autoridades sanitarias por mor da Covid-19.
As 33 vivendas sorteáronse entre os demandantes que a data de hoxe estaban inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia ou tiveran solicitada a inscrición. Atendendo á superficie dos inmobles, as dúas vivendas de dous dormitorios contabilizaban 3.938 candidatos; 347 as 25 vivendas de 3; 150 as catro de catro dormitorios e 54 as dúas vivendas adaptadas para mobilidade reducida de tres dormitorios.
Cada vivenda leva vinculada unha praza de garaxe e un rocho
Na adxudicación das vivendas adaptadas para mobilidade reducida tiveron preferencia, en primeiro lugar, aquelas persoas que precisan de cadeira para os seus desprazamentos ou dependen absolutamente de dous bastóns para deambular. En segundo lugar as persoas que teñan acreditada unha enfermidade ou discapacidade permanente e que, polo seu desenvolvemento, poida chegar a impedir desprazarse sen axuda ou que afecten notoriamente á súa mobilidade.
As vivendas adxudicáronse en réxime de alugueiro nos casos nos que os ingresos da unidade familiar non superan 1,5 veces o Iprem e en réxime de compravenda nas unidades con ingresos entre 1,5 e 2,5 veces o Iprem.
Do sorteo de hoxe saíu a lista composta por 20 solicitantes para as vivendas de dous dormitorios, 40 para as de tres dormitorios e 20 para as de catro dormitorios. No caso de vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, a lista componse por todos os solicitantes.
En todo caso, o feito de resultar adxudicatario provisional no sorteo, non determina a condición de adxudicatario definitivo, en tanto non se acredite que se reúnen os requisitos para o acceso ás VPP. No caso de que algún integrante da lista non cumpra os requisitos será excluído desta.
A lista de adxudicatarios provisionais resultante do sorteo publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello de Vigo, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na páxina web do IGVS. Despois da publicación da lista provisional os solicitantes que se consideren prexudicados no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda.