- Javier Bas entende que a subida das tarifas na AP-9 é unha provocación aos veciños.
- Critica ao PSOE por ser incapaz de defender os intereses da provincia, “que volve a ser agraviada”.
O deputado nacional do PP de Pontevedra, Javier Bas, esixe ao Goberno central que libere de xeito inmediato a peaxe de Redondela, e sen máis dilación execute o compromiso que deixou o Goberno de Mariano Rajoy para levantar a peaxe desde 2018. “Levan máis de dous anos de retraso. Había un compromiso firme, consignación nos orzamentos xerais antes e agora, e non só o incumpren de forma sistemática, senón que ademais incrementan as tarifas”, denuncia.
Por iso, para os populares “esta subida escandalosa é unha provocación aos veciños de toda a provincia, pero en especial para os de Redondela que seguen esperando á gratuidade da autopista”. Bas di que non se entende que o Goberno central non fixera os deberes, e que non conten coas modificacións regulamentarias necesarias para aplicala. “Son escusas, porque a liberalización da peaxe chega dous anos tarde. Non é un compromiso que se tomase no último momento”.
Nesta liña tamén se pronuncia a voceira local do PP de Redondela e deputada provincial, Carmen Amoedo, que critica ao PSOE por ser incapaz de defender os intereses da provincia en Madrid, e tamén ao Goberno local de Redondela, “porque consinte este insulto aos redondeláns”.
Ademais, entenden que esta medida supón un novo agravio do Goberno de Pedro Sánchez a Galicia e á provincia. “Non só contamos cos peores orzamentos dos últimos quince anos para Galicia, senón que un dos poucos investimentos que mantiñan continúan sen executarse”, critica Bas.
Por último, o deputado nacional recorda que a maior bonificación da AP-9 chegou con Ana Pastor como ministra de Fomento ao aplicar a volta gratuíta nos días laborables, o que supuxo un aforro desde 2012 de 5,2 millóns de euros anuais para os cidadáns da provincia. “Co PP no goberno, a gratuidade da peaxe en Redondela sería unha realidade desde 2018, mentres que o Goberno do PSOE está retrasando ano tras ano esta supresión”, conclúe.