- Luisa Sánchez amosa a súa disposición a manter as reunións necesarias para axilizar a tramitación de todas as actuacións pendentes
- A vicepresidenta celebra a rectificación do alcalde e avanza a súa disposición a abordar as obras de 2027, dando en todo caso prioridade ás do exercicio en curso
. A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, trasladou este mércores ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, a disposición da institución provincial de manter unha reunión co Concello para avanzar na tramitación dos convenios de colaboración previstos, cun investimento total de cinco millóns de euros ao ano.
Nunha carta remitida ao rexedor, a representante provincial en Vigo acepta a solicitude de reunión formulada polo goberno local e manifesta a vontade da Deputación de manter os encontros que sexan necesarios ata formalizar os acordos. Co obxectivo de dar pasos adiante, solicitou a remisión dos proxectos técnicos das novas obras suxeridas. “A nosa disposición é plena”, remarcou.
Dos cinco millóns de euros previstos para este exercicio, 3,8 millóns corresponden ás humanizacións das rúas Rosalía de Castro e Doutor Carracido, cuxos convenios están pendentes de aprobación por parte do Concello de Vigo desde xuño e agosto, respectivamente. Para completar o investimento previsto, o goberno local vén de remitir novas propostas destinadas aos 1,2 millóns de euros restantes, tal e como reclamara reiteradamente Luisa Sánchez. “Esperaron a outubro, pero nunca é tarde”, apuntou a vicepresidenta. Así, a responsable provincial expresou o seu desexo de que o traballo conxunto entre administracións desemboque na futura execución de novas melloras para a cidade.
Novos investimentos para 2027
Igualmente, Luisa Sánchez celebrou que o Concello de Vigo veña de trasladar, por primeira vez, investimentos para o próximo exercicio. Estas suxestións chegan despois de que a vicepresidenta informara oficialmente por carta ao goberno municipal de que o orzamento provincial de 2027 incluiría, malia as reticencias do alcalde, outra partida de cinco millóns de euros para convenios bilaterais.
A vicepresidenta celebrou a rectificación do rexedor e reiterou a vontade da institución provincial de colaborar co Concello para concretar os proxectos. “Pasou de dicir que non contaba cos cinco millóns de 2027 a enviar propostas para investilos”, salientou. Con todo, matizou que a prioridade é avanzar na tramitación dos convenios correspondentes ao exercicio en curso.
“Imos seguir traballando con responsabilidade para que os diñeiro comprometido pola Deputación se reflicta canto antes en actuacións para a cidade”, rematou.
